Opinión

Autonómicas o 26 de xuño?

Se eu fose o presidente da Xunta, levase dúas lexislaturas de goberno -ou sexa de xestión e desgaste, de acertos e erros- e houbese eleccións xerais en España o 26 de xuño de 2016, adiantaría as galegas uns meses. Si, a data “normal” de celebración sería o 20 de novembro, catro anos despois das anteriores, por iso calquera data despois do verán sería aceptable e non suporía, de feito, adianto ningún.

Ora ben, sería conveniente celebrar unhas eleccións xusto antes do verán e celebrar outras á volta? Creo que non. Hai unha canseira evidente que levaría á xente a pensar que sempre andamos nelo que os políticos en vez de pórense de acordo, gobernar e traballar andan na greña todo o día, porque cobran desde que son elixidos. Así pois, creo que o máis entendible sería adiantalas e facelas coincidir. O 26 de xuño. Así pois, tres papeletas o mesmo día, Congreso, Senado e Autonómicas.

Esvaecería isto a galeguidade das papeletas autonómicas? Non sei. Creo que xa somos bastantes maduros. E serían moitas as vantaxes pois deixaríannos tranquilos catro anos, ata 2020, xa que as Europeas, en maio de 2019, son só aperitivo, non fan prato. E mirándoo ben, no pouco que eu entendo, creo que hai ben de factores externos á acción do goberno que así o parecen aconsellar aos intereses políticos da actual maioría parlamentaria galega: a situación dos partidos pretendentes véxoa bastante desfavorable. O PSOE parece revolto, desacougado, sen candidato á vista, só con poder ben cementado na cidade de Vigo. Os líderes parecen pelexados e responden a cousas de municipios e poderes pequenos, sen que emerxa ningunha voz aglutinadora a nivel galego. Ah, tempos aqueles en que seducía o seu discurso a Carlos Casares, Alfredo Conde, Ramón Piñeiro, Benxamín Casal e tantos outros! Desde logo moito cambiaron as cousas, a destra e sinistra, desde aqueles primeiros tempos democráticos... En fin, tampouco a actuación xeral socialista nestes tempos se salda en positivo. O novo líder modelo sobreactuado casa pouco coa idiosincrasia galaica, máis reservada e seria.

Pola banda do BNG pois parece que, digámolo así, non andan en horas moi alta e resultaralles bastante difícil cativar ao electorado que se lles marchou nos últimos anos, cando os “grumetes” -no dicir insultante dun vello “comodoro” do Potemkin- tomaron o mando. En fin, non parece moi probable unha grande recuperación, aínda que algunha poida ser pola insignificancia do discurso galeguista en Madrid das Mareas. E a estas, a ver como lles vai. Se o octoxenario Beiras (cumpriunos o pasado xoves) se presenta, resultaría bastante ridículo. Pero se non o fixese, o dito popular de “non se presenta o Beiras” tampouco os favorecerá electoralmente. E as percepcións locais das mareas están moi divididas. Uns xa fixeron méritos, desde goberno ou oposición, para obteren bastante, e outros, todo o contrario. Pero non hai nada extrapolable. E Ciudadanos non deu creado un discurso galaico. Ningunha competencia na dereita.

Pero ollo, sabemos tamén que as eleccións nunca as gaña a oposición senón que as perde o goberno cando a xente está cansa, aínda que non saiba a quen pór ao mando; como pasou nas de decembro pasado. En calquera caso, e eu só por aforro de campañas e por que non me dean moito a tabarra, creo que as faría coincidir. Ou sexa, que haberá goberno en Madrid e non eleccións. Sempre fallo. Ou non.

Te puede interesar