Opinión

De Bemposta a Malacaba

O topónimo “Bemposta” é bastante frecuente en Galicia e en Portugal. Sempre se refire a zonas agradables por estaren ben situadas, digamos “ben postas” no mapa. Dun xeito parecido aos Bembibre (de Bene Vivere) lugares onde é se pode vivir ben por seren terras vizosas e fartas, ou aos Belvís -ou simplemente Viso- lugares de boas vistas. Si, son moitos os topónimos evocadores de valoracións positivas: Pradobó, Valboa, Vilaboa, Silvaboa, Riobó, Castrobó... Pero lugares que evoquen cousa mala, tamén hai. E moitos teñen as versións de bo ou malo, depende. En Ourense, sen ir máis lonxe, temos Matamá e Vilariño de Lamamá -digamos Vilariño de “barro malo”, que non “a nai” como seica algún animalciño quixo corrixir. E tamén, se cadra, os Ríomao, Pradomao, Castromao... teñen tamén algunha opinión negativa na orixe do nome.

Pois dado que hai esta variedade, parece que dentro da evolución natural da toponimia, o lugar de Bemposta en Seixalbo podía cambiar o nome por Malpaso, que existe en oito puntos de Galicia, ou por Malacaba, que, de momento non o hai. E parecería un exotismo das India Orientais, un lugar imaxinario da costa Malabar ou de Malaca e acaería ben co cosmopolitismo ilusionado do proxecto orixinal.

Sería complicado analizar unha experiencia que naceu ao redor dun impulso persoal no que se mesturaban activamente as tradicións familiares circenses, o compromiso social da teoloxía da liberación e a pura empatía co ser humano que sofre. E si, esta Bemposta, Ciudad de los Muchachos, foi unha marabillosa iniciativa de solidariedade humanitaria anterior ás ONG profesionalizadas e que se desenvolveu desde unhas modestas orixes aurienses ata o éxito globalizado grazas á simpatía social e á proxección mediática que logrou. Logo seguiu a dura lóxica da evolución. Aos períodos arcaicos ou de formación, seguen os clásicos ou de esplendor, pero rematan nos decaementos, nas decrepitudes, nos ocasos. Se cadra non é o lugar, nin eu teño os coñecementos ou interese de furgar nesta prea, pero creo que non invento nada se digo que o solpor do proxecto veu da falla de capacidade adaptativa ás novas circunstancias sociopolíticas da democracia e do mundo, á falla de estruturación orgánica e concreción normativa nos tempos presentes, a que os antigos nenos do circo foron medrando e formándose ideas persoais e propias do mundo, ás denuncias cruzadas entre grupos, aos feos líos de xestión e de familia.

Pero nada está a salvo dos erros humanos. Así eu quero quedarme, neste pasar páxina, coa lembranza positiva de Bemposta.

O primeiro, a ilusión contaxiosa. A simpatía das xiras triunfais dun grupo de nenos que proviñan dunha marxinalidade cosmopolita e que, a través do circo, lograban a súa realización persoal. Unha escola de cidadanía marabillosa.

A ilusión da liberdade. Non só dos chegados a Bemposta, refuxiados de lugares de miseria e violencia. Tamén para os ourensáns. O Salón de Actos de Bemposta, nos inicios da transición, foi o primeiro foro de liberdade conquistada. Alí celebráronse presentacións públicas dos proxectos políticos ilegais, porque non se pedían permisos gobernativos que nunca poderían ser concedidos senón que se actuaba con feitos consumados. Un grande servizo á madurez política fixo aquela república de adolescentes, onde traballaron algunhas figuras, logo, da política galega, como Antonio Rodríguez ou Manuel Soto.

En fin, é fermosa a idea dos de Ourense en Común -que o Concello se fixese con aqueles espazos- se houbese cartos e, sobre todo, un proxecto sostible do que facer alí. Pero témome que sexa difícil, difícil.

Te puede interesar