Opinión

Blanco Amor, o crítico critias

A diferencia entre un pseudónimo e un heterónimo é sutil. O primeiro agocha a identidade do autor e o segundo é un desdobramento voluntario, un xogo intelectual a ser outro. En Ourense por exemplo, todo o mundo sabía desde sempre que Ben Cho Shey era Xosé Ramón Fernández-Oxea, a pesar de que enreden dicindo que o usou para “ocultar” a súa identidade pois non podía revelala desde a Guerra de África na que estaba, etc. Pero o certo é que na propaganda do inicio da sección en La Zarpa aclaraba que comezaría a mesma “da autoría de Ben Cho Shey, que non é outro que o noso compañeiro Xosé Ramón Fernández-Oxea” ou algo así. Igual que Fernández del Riego con Salvador Lorenzana e algúns outros.

Eduardo Blanco Amor, imos co título, foi pouco dado aos pseudónimos ou ocultacións; gustáballe aparecer sempre coa súa figura. Pero como traballador da prensa nas moitas cabeceiras americanas que contaron co seu impulso -Terra, Céltiga, Despertar Gallego, Galicia, El Correo de Galicia, etc.- continuamente escribía artigos sen sinatura e poucas veces con pseudónimo ou heterónimo. Un caso moi curioso é o de Critias. Si. A pouco que un se mergulle na revista Céltiga topa críticas literarias co inconfundible estilo de EBA asinadas como Critias, que, por outra parte, é o nome dunha obra de Platón que fai referencia a un filosofo tío seu, seica moi sabedor das cousas da Atlántida. Ademais, hai unha curiosa nota da redacción no primeiro número de 1928 dirixida “A Adela, ciudad” que di: “El simpático escritor que firma sus trabajos con el pseudónimo de ‘Critias’ es nuestro compañero Eduardo Blanco Amor. Lo que nos intriga es esa apriorítistica adivinación de tal ‘simpatía’. ¿Se trata de un presentimiento? Le advertimos que esa es la opinión coincidente de varias docenas de lectoras de Céltiga”. 

O caso é que Critias, entre o ano 1925 e 1929 -cando pelexou cos da revista e marchou-, publicou, como nos sinala o crítico da Rúa morador en Barcelona Xesús González Gómez nun estudo en Biosbardia, 32 críticas literarias de obra de autores arxentinos, portugueses, españois e de galegos. Destes últimos, 7 que escribían en castelán e 17 en galego. Entre eles, comenta “Os señores da Terra”, de Otero; “O porco de pé”, de Risco; “A fiestra baldeira”, de Dieste; “Na noite estrelecida”, de Cabanillas; “Síntesis histórica de Galicia”, de Ramón Vilar Ponte, etc. etc. Co seu propio nome publica algunha tamén, como a dedicada a Castelao “Divagaciones supérfulas: Sobre el libro de Castelao ‘Cousas’ y otras viejas polémicas” que, en realidade, xira ao redor do seu papel como difusor da obra de Castelao na Arxentina. Creo que por medio de Critias, Blanco Amor foi a voz máis eficaz na difusión da literatura galega naquelas terras ao ter superado a militancia máis ortodoxa de Terra e participado nunha aventura como a revista Céltiga, popular e aberta. 

Unha das máis interesantes críticas é a dedicada ao seu propio libro, “Romances” (núm 92, accesible na rede). Como é público que Critias é el, pero non quere deixar sen comentar o libro, xoga simpaticamente sobre a identidade: “Acudimos ¡con cuánto esfuerzo! Esta molicie del mar, esta calma sedante del fomoir del ‘Werra’ (o barco que o trouxo a Galicia en 1928, desde onde escribe), donde hundimos la flojedad de nuestros nervios galvanizados por casi dos lustros de vida americana y recomenzamos nuestra labor ‘céltica’ para comentar este libro de un bien amado compañero. Justamente, esta apretada afinidad, este amor entrañable, esta inseparable proximidad que nos liga al autor de ‘Romances’ con indestructibles vínculos, convierte esta labor en pesada y delicadísima tarea...” Se lles prestan estas cousas, búsqueno e léano que é curiosa e moi interesante. Coma sempre EBA.

Te puede interesar