Opinión

Cambio de ciclo... ou non

A retirada de Baltar da carreira pola Presidencia de Deputación pode anunciar un novo ciclo. Ou non. Sería comezo dunha nova etapa na cidade e provincia coa substitución do actual alcalde de Ourense por outro, senón todo tería a aparencia dun cambio “interruptus”. Obviamente a situación do mandatario provincial non era sostible con tantas frontes abertas; a súa saída era, ademais, a única forma de tratar de garantirse un futuro político dentro e a posibilidade de reter a Deputación para o PP. E esta saída fixo ver con novos ollos a gobernabilidade municipal auriense. Porque non nos enganemos, máis alá das forzas políticas nas que militen, as persoas son moi importantes e os partidos están cheos de xentes con distintos talantes e actitudes que exercen mando e poder de formas distintas. Non é o mesmo, obviamente, o vello Senén Pousa, ex alcalde de Beade, por exemplo, ca o de Leiro, Paco Fernández, por citar dous concellos pegadiños. E como ben saben os socialistas, os membros das súas familias teñen en común, fundamentalmente, seren vertebrados, mamíferos e sapiens sapiens. Si. Incluso árabes e xudeus, que pertencen ambos á familia semita, saúdan case igual e non comen xamón, podíanse levar ben mellor. En fin, familias e partidos son moi diversos, e cunhas persoas pódese falar máis e con outras menos.

Por iso, os cambios nominais moitas veces teñen unha grande transcendencia. Cando Vitorino Núñez deixou o posto provisionalmente -pensaba el, a Baltar pai- mentres ía á Presidencia do Parlamento, en 1990, nin imaxinaba que estaba dando inicio a unha dinastía que duraría máis cá idade de Cristo. E agora toca cambio. Obviamente, ter sido o creador activo do pacto co “letal”, en troco do seu propio sillón -pan para hoxe, fame para dentro de catro anos- non favoreceu a continuidade de Baltar, e toca cambio. E non só de xestión, palabra, perdoen, da familia de conxestión, inxestión, dixestión, suxestión... pouco políticas elas, aínda que moi precisas. Porque agora o que cómpre é moita política. Da grande. De acordos que poñan a arte de vivir e gobernar a cidade por riba de todo. 

Pero non deben esquecer os líderes de PP e PSOE o correctivo sufrido nas urnas, pois baixaron ambos de 9 (cóntolle ao PP os dous de Ciudadanos por ficharen a súa estrela), baixaron, digo, de 9 a 7 neste caso, ou de 9 a 6 no caso o PSOE. Isto fala da necesidade de novos tempos, e unha vez encarreirada a solución, de novas caras para o futuro. Deben facer cousas distintas para resultados distintos e non seguir coas vellas actitudes que tanto os erosionou. E se finalmente a responsabilidade última caese no BNG, debe saber escoller entre males maiores ou menores e intuír o que lles dirían os seus votantes.

En fin, non vou xulgar a oferta do goberno tripartito de Cabezas asinada por todos os seus concelleiros, ou sexa sen tutelas nin tutías, pero foi un movemento político interesante. E creo que deberían falar -telo feito xa- pois hai nela oferta e obxectivo. Hai outras posibilidades, claro: un editorial deste xornal citaba outro día un posible goberno municipal PSOE-BNG en minoría, co apoio na investidura de PP, e a Deputación para o PP, tamén en minoría, sen manobra envolvente con DO. Agora tócalle espabilar ao PP, non lle pase como ao PSOE no 2019: por querer comer todo, quedar sen nada... e que siga coa batuta, o que as vende.

En fin, puntos de encontro para os cidadáns de Ourense que queren cambio seguro que hai. Outra cousa é que os grupos políticos boten contas pensando noutras eleccións ou territorios. En calquera caso, é moi posible que cando lean este artigo xa estea reseso, como o pan de onte. Que tampouco está mal. 

Te puede interesar