Opinión

A cambios no Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega é un organismo un pouco raro que non ten, case, paralelo noutros estatutos. E será porque a cultura ten unha importancia especial na configuración da identidade de Galicia. A maioría dos intelectuais fixeron de todo, porque todo estaba por facer. Se pensamos que Otero Pedrayo, Castelao, Carlos Casares, Alfredo Conde ou Ramón Piñeiro foron parlamentarios, entendemos porque moitas veces se di que se a idea do País Vasco naceu dos cregos, e a de Cataluña dos comerciantes, a de Galicia foi cousa dos escritores. E teño a impresión de que con este organismo singular se tentaba atraer aos vellos e novos axentes culturais que creaban identidade, a un lugar de asesoramento colaborativo co poder político-administrativo que nacía nos comezos dos oitenta. A personalidade dos presidentes, encaixa: xentes de palabras e de construír, de traballo e de arrimar o ombro, mesmo criticamente, e non da aceda e estéril ladaíña de queixa e lume. Primeiro, Ramón Piñeiro; logo, Filgueira Valverde; axiña, Carlos Casares; despois, Alfonso Zulueta, e ata hai uns días, Ramón Villares. Agora tócalle a Rosario Álvarez, vicepresidenta do Consello desde había oito anos, e a lingüista máis prestixiosa do país.

Pois voltas da vida entreilles en contacto co Consello a principios dos 90. E con el, desde a acollida xenerosa de Piñeiro e Filgueira, participei en varias angueiras, a principal, a posta en marcha do Arquivo Sonoro de Galicia. Por iso me acheguei ó acto de relevo do pasado día 4. Houbo tres discursos e gustáronme os tres. Villares fixo un repaso interpretativo aos seus doce anos á fronte da institución; Alberto Núñez, parafraseando o titulo do libro de Villares “Identidade e afectos patrios”, turrou dese fío ata evocar os sorrisos do Pórtico da Gloria; ó de Rosario Álvarez fíxenlle especial caso, por estar asumindo a responsabilidade. 

Marcou sete liñas: atender á diversidade dos axentes culturais; atender aos novos públicos potenciais potenciando novos formatos, nomeadamente dixitais; fortalecer o Consello como centro de análises e informes e laboratorio de ideas e debate; fomentar o diálogo entre ciencias e humanidades; traballar en favor da igualdade -de xénero e de oportunidades-; traballar en favor da redución do desfase entre as provinciais occidentais e orientais e traballar en favor da igualdade de oportunidades culturais urbano-rurais, e, por último, preocupación polos galegos no exterior, emigrantes vellos e novos mozos. E sinalou catro eixos de actuación: a Galicia espallada non só como obxecto de atención senón para a súa valorización nas sociedades de acollida, atención especial aos países de lingua portuguesa, a marca definitoria da cultura galega como esencialmente europeísta e a súa identidade atlántica. 

O discurso ten boa música. O de avantar sobre a gabia entre a costa e o interior, está ben. Como exemplo do moito que se pode facer, sinalo que entre os membros todos do plenario, ningún hai que viva e traballe en Ourense.

E xunto coa boa música, hai bos músicos. O vicepresidente é unha persoa excepcional, o historiador Xosé Manuel Núñez Seixas, que, ademais, ten para nós o valor engadido de ser de Ourense. Dolores Vilavedra, secretaria, historiadora da literatura e con longa traxectoria tamén dentro da casa. E como vogal da Comisión Executiva, María Xosé Porteiro, xornalista, socialista, feminista de longa traxectoria no mundo do activismo cultural e boa coñecedora da emigración. En fin, longa vida á institución e que lles saian ben as cousas. É bo para todos.

Te puede interesar