Opinión

O carballo de padroso

Apesar de que Castelao dixera que imaxinaba unha Galicia ideal cos montes cheos de piñeiros para as fábricas de celulosa, non hai dúbida de que as dúas árbores totémicas do noso país son os castiñeiros -ou castiros, como din por Lugo- e os carballos. Pero de escollermos unha soa, concordariamos en que o carballo é para nós o símbolo, o trasunto vexetal da historia e esencias da terra.

Os castiñeiros, así parece indicar o idéntico nome de árbore e froito espallado por todas as terras ao redor do Mediterráneo, foron difundidos polas lexións romanas, como o piñeiro manso, o dos piñóns que tanto lles gustaban.

Pero o carballo conserva entre nós esencias moito máis antigas có mundo romano. O seu propio nome fai referencia polo seu prefixo lexical car- á dureza, neste caso da madeira, pero en Carnota, Cartelle ou Cardiff, á das pedras da paisaxe. O carballo sería así o símbolo da fortaleza de Galicia e da súa permanencia no tempo. Por iso, a súa folla, como esencia do máis visible, foi sempre símbolo desa vontade de ser; desde as páxinas de Nós, ao emblema do desaparecido, gloria haxa, PSG dos tempos da Transición. 

Ao carballo chamábanlle os romanos “robur” derivada de “ruber” pola cor avermella -rubia, dirían algúns galegos enxebres- da súa madeira. E dese robur-carballo veu o robusto, que orixinalmente en latín significou “feito de carballo” e despois forte e duro. Así, os topónimos reboreda ou reboredo, serían outra forma de dicirmos, nalgún momento da historia, carballeira.

E a madeira de carballo comparte connosco as súas calidades esenciais de resistencia, duración, versatilidade, fiabilidade e facilidade para ser traballada. E tamén nos agarima coa súa calor, pois a leña das súas decotas ou podas é a máis apreciada. 

E sempre houbo carballos emblemáticos. O de Mourente, fotografado en 1883 e aínda hoxe vivo. O do banquete de Conxo, ao que pouco lle faltou para ser árbore europea 2022. En Ourense, o famoso foi o Carballo da Mirteira, ao pé da capela de Santa María de Lamelas, por riba de Castadón. Seica cumprían catro homes para abrazalo cando Pacheco o fotografou en 1926. Pero en 1968, despois de que unha das súas pólas caídas derramara o tellado da capela, foi cortado polo pé, e con non pouco rosmar veciñal; e plantouse outro no lugar.

Agora, evocando as fortalezas da tradición, a man entusiasta do editor Bieito Ledo, o cariño dos amigos e a empatía dos camiñantes procuran o nacemento dun novo “topos” simbólico ao redor dun carballo. “O carballo de Padroso”, das apertas, do Camiño... o tempo sedimentará unha denominación. E este carballo tótem, ergueito nun espazo natural de soños druídicos, ao pé dunha fonte, dun lavadoiro e dun camiño cuberto por un dosel de carballos, será bendicido hoxe 8 de xullo do ano do noso señor de 2023, coa saída dun libro e unha festa ao seu redor, cociñado todo polo Bieito Ledo, coa axuda de trinta ou corenta mans amigas. 

E os peregrinos da Vía da Prata, ao pasaren por esta aldea de Xunqueira de Ambía que mira aínda á Limia, e os visitantes que vaian a pé feito poderán abrazar nese carballo a historia natural desta Terra feita árbore, vida e tradición, pois desde as súas raíces roxas soben forzas de vida e esperanza, tecidas coa amizade e intencións do que deica alí chegou. 

Un descanso precioso e preciso para o continuar -saúde e boa andanza- o percorrido dos camiños da vida. Así pois, viva o Carballo de Padroso e, con el, todos os demais carballos do mundo mundial.

Te puede interesar