Opinión

Céltiga e os índices

Durante catro séculos, o “Índice” por antonomasia era o “Índice de libros prohibidos” que desde o Concilio de Trento ata 1966, en que Paulo VI o suprimiu, “orientaba” as lecturas dos católicos, lonxe dos libros heréticos ou inmorais. E claro que índice ten que ver con indicio, con indicar -sinalar- ou mesmo co nome dese dedo co se apunta e que os nenos chamaban outrora, xogando, “furabolos”. E si, cando un repasa un índice dun libro, o habitual é que vaia pasando ese dedo por riba. Así pois, todo en familia. Ou case.

E unha vez desaparecido ese “Índice” negro vergoña, volve a nós a palabra e xa ten só o significado de indicador organizado, e todos pensamos na folla primeira ou final dun libro ou revista na que se dan conta dos títulos e autoría de artigos, capítulos ou partes. Pero a importancia dos índices é relativa. Se un le unha grosa revista científica, son imprescindibles para localizar e ben citar os escritos pensando nos que queiran seguir a pista do que un xa visitou. Pero se un anda co xornal ás voltas ou cun Lecturas ou Hola, non son precisos índices pois un le “a feito”, sen urxencias nin necesidades de citas.

E estes días aí atrás andaba remoendo na peza do mes que presentei o martes pasado co Museo e que foi a súa colección da revista Céltiga, editada en Buenos Aires entre 1924 e 1932. A revista editou 182 números e carece de índices en cada número, e incluso, de numeración das follas. E iso que tiña cada exemplar entre 34 e 120 páxinas. Así vemos que non se trataba dunha revista pensada para o futuro. Síntese da historia: entre xuño e outubro de 1923, Blanco Amor, Ramiro Illa Couto e outros amigos montaron unha revistiña efémera -5 números- moi ideolóxica (voceiro da Irmandade Nazonalista Galega n’América, moi seguidora de Risco) que se chamou Terra). Monolingüe, moi coidada, pero de escaso interese para o común. E como axiña quedaran sen choio, uns activos e ricos empresarios petaron na súa porta coa idea de fichárenos para unha revista popular. E alá foron. E Céltiga axiña se converte nun medio de confluencia entre intereses, ideoloxías e vontades, moi variadas. Creo que é a revista nosa máis importante e eficaz da colectividade por canto abriu unha porta de comunicación entre a nosa cultura entre o grande público. Alí escriben todos. Desde Valle Inclán a Fernández Flórez; de Castelao a Filgueira Valverde; desde Ricardo Outeriño a Ben Cho Shey, Risco, Otero, Cuevillas, Euxenio Montes, Xavier Bóveda etc. De forma que non queda escritor galego en castelán ou galego, ou debuxante (Fernández Mazas, Prieto Nespereira, Xaime Prada, Luís Huici, Sotomayor, Bujados, Peña, Cebreiro, Maside...) que non asine nas súas páxinas. E isto mesturado con publicidade, notas de sociedade, crónicas deportivas, humor, concursos, efemérides, comentario de política...

Pois ben, sonlles da idea de que alí hai xoias despistadas, pois a carencia de índices fai que a localización das colaboracións non sexa fácil e, seguro, moitas delas non foron “reusadas” despois. Arestora está Céltiga enteira na rede na páxina do Consello da Cultura, pero só ten índices dos anos 24 a 26. 

Cumpría que neste centenario da revista alguén -ou algunha academia, fundación, consello, instituto, biblioteca ou sursuncorda, hai abondo- promovese a realización deses índices, cousa ben fácil de organizar e realizar nun par de meses como moito cun bolseiro, método e control. O exemplo guía: a eficacia do traballo de Ben Cho Shey co seu índice da revista Nós cando se cumpriron os 50 anos, en 1970. Facilitaríanlle aos estudosos que comezan a realización de investigacións parciais de autores ou temáticas, e porían en valor a Céltiga de alén mar e de alén dos tempos. De hai un século.

Te puede interesar