Opinión

Compañías do Demo

Dilemas do demo chámanlle en Israel ás disxuntivas terribles, sen solución. A película “A decisión de Sofie” foi verdade no gueto de Vilnius. Os alemáns dicíanlles que non tiñan comida abonda e que os pais xudeus debían escoller un fillo a salvar. Se non escollían, mataban todos. Os rabinos non sabían que aconsellar. E como hai dilemas do demo, hai compañías do demo, pero destas si que un pode fuxir.

Creo que a esquerda e a extrema esquerda andan en compañía do demo na cuestión palestino-israelí. Podo entender, por suposto, que crean uns que é mellor a independencia de Galicia, que a amnistía aos políticos fuxidos cataláns é boa cousa ou que teñan unha visión na que Ucraína sexa a agresora e a minoría rusófona de Donetsk e Luhansk a agredida. E podo perdoar que o PCE xustificase por orde de Stalin e boca de Dolores Ibárruri a invasión nazi de Polonia, e incluso as “sacas” da Guerra Civil. Ou podo perdoar que a UPG -un partido comunista patriótico que nunca foi ás eleccións- tivese no seu día unha alianza con ETA e o PSAN (p) e que convidase a Telesforo Monzón a berrar “Gora ETA militarra” en Santiago, un Día da Patria. E claro que perdoo esas cousas porque logo o PCE fixo moito ben ao país apoiando a Transición e asumindo a Constitución democrática e social, coa súa letra, espírito, bandeira e forma de estado; e tamén a UPG -e ó seu fillo, BNG- porque aceptou a participación nas institucións democráticas, e fóra das imposturas de opereta -como o seu “antisionismo”- ten un comportamento ben integrado nas institucións, e por veces exitoso como o demostran a xestión municipal en Allariz ou Pontevedra. Mágoa que a confianza dos galegos só lles dea para mandaren ao Congreso a Madrid 1 deputado dos 23 galegos. 

Pero teño máis dificultade en perdoar a ignorancia da historia e tan pouca memoria para non lembrar como Hamás é un grupo ultrarrelixioso islamista -lean a súa carta fundacional- que naceu contra a modernización da sociedade palestina, a mala administración da OLP e contra a negociación que levaría aos Acordos de Oslo de 1993, despois da xuntanza de Madrid de 1991. Neles, a OLP pactara con Israel a paz por territorios coa idea dos dous estados. O socialista israelí Simon Peres e Yaser Arafat levaron, conxuntamente, o premio Nobel da Paz en 1994 por emprender ese camiño. Hamás é moi claro: contrario a calquera tipo de acordo, a súa única intención é a eliminación completa de Israel e a súa xente. No artigo 13 explicita: “Las iniciativas y las llamadas soluciones pacíficas y conferencias internacionales están en contradicción con los principios del Movimiento de Resistencia Islámica (...) No hay solución para la cuestión palestina si no es a través de la Yihad. Las iniciativas, las propuestas y las conferencias internacionales son todas una pérdida de tiempo”. Así que apoiar nestes momentos a Hamás é ir en contra da solución dos dous estados e só a favor do grupo terrorista -a UE dixit e legislat- que simplemente quere a guerra polo exterminio do contrario. O de chamarlle “nazis” aos xudeus é invención de Hamás, non da ANP do presidente Abbas. 

Este antisemitismo da esquerda e extrema esquerda española só se entende na ignorancia da historia recente e inspirado no superado nacional catolicismo español que falaba do pobo deicida (en Ourense, nos tempos de Blanco Nájera, aínda se apedreaba o templo protestante), pero sobre todo, nas invocacións de Franco ao “contubernio xudeo-masónico internacional”. O camiño da paz debemos facelo cos que queren a paz, e non cos que deciden o martirio de propios e alleos desde un cómodo sillón en Catar ou Teherán.

Te puede interesar