Opinión

Control migratorio?

Partindo de que non se lle poden pór portas ao campo e de que a xente é como a auga, que sempre topa o lugar por onde pasar dun lado a outro, é lóxico que se trate de regular o fluxo de poboacións entre países. Ollo, non digo impedir, senón regular, organizar. Os españois ou italianos, por exemplo, ían a Arxentina porque aquel país buscaba poboadores para pór en produción as súas inmensas extensións baleiras. Ou a Alemaña e Suíza cando buscaban man de obra. E nós hoxe buscamos condutores no Perú. Fenomenal. Benvidos. Os movementos de poboación, lóxico, medran exponencialmente, en tanto o fan os medios de transporte que facilitan viaxes e os medios de comunicación que seducen coa imaxe proxectada. Non sei se lembran o barco Vlora acugulado de albaneses -20.000- que o 8 de agosto de 1991 chegou ao porto de Bari desde as costas de Albania. Dicían eles, seducidos pola televisión italiana e anoxados polo comunismo de Enver Hoxha. E, claro, hai países que o teñen ben fácil. Como os que están a trasmán, tal que Islandia ou Nova Zelandia. Outros, coma nós, grandes e esparexidos, no bordo do mapa, na confluencia de mundos, moi difícil. Desde Canarias a Baleares, desde Hierro a Ibiza, e desde Huelva a Alicante, toda a costa sur de España é zona de tensión dos que queren entrar empuxados polos seus soños e repelidos polas súas realidades. 

E o traspaso sobre este tema seica acordado con Junts, volve pór o tema sobre a mesa e fálase de competencias de inmigración ou migración indistintamente. E como as palabras arrastran indebidamente connotacións, dicir “migrantes” parece ter unha carga ideolóxica distinta a dicir “inmigrante”, dunha forma paralela a “latinoamericano” ou “hispanoamericano”. As palabras son inocentes, pero o seu uso enganado non. 

Xa na Enciclopedia de Álvarez estudábamos que había animais que vivían toda a vida no mesmo sitio, tipo ra, sempre na charca; ou migratorios como as aves: as andoriñas son tan de aquí como de África. Poñan La2 que malo será que non cadren hoxe tamén os ñus escorregando no río e pelexando cos crocodilos no medio da súa migración ao norte. Pero os homes son sedentarios. Estudabamos que ao principio dos tempos andaban detrás dos animais para cazalos e seguíanos onde fosen. E despois, cando domesticaron animais e plantas, o neolítico agrícola e pastoril, asentáronse nun lugar para sempre, sedentarizáronse, a nova natureza humana. Á dos vellos que andaban dun lado a outro chamámoslle por influencia francesa, “nómades” -se cadra relacionado cos “numidas” do norte de África-. Iso que a forma nosa directa culta desde o latín era “transhumantes” -que cambian (trans), de terras (humus), eles (ntes)-. Pero non hai pobos migrantes, no sentido da andoriña ártica que pasa o veráns en Groenlandia e cando tempo se pon rabudo, baixa a Antártida. A paxarada é o que ten, voa sen fronteiras. E cando un pobo quedaba sen terra, chamábaselle, tamén, “errante”, como os xitanos do Punxab ou os xudeus de Israel, aínda que a tendencia sexa tamén á sedentarización nos novos espazos de chegada ou volver ao vello de onde saíron. E de aí o lío, claro. 

Eu considero que chamarlle a unha persoa migrante é unha faltada. O acto de ir ou vir, si, é un proceso migratorio, pero a persoa é emigrante se marcha e inmigrante se vén, e punto; pois o seu non é andar de alá para acá como o paxaro. É simple: inmigrante e emigrante forman parte dunha clase especial de antonimia, de oposición semántica, que se chama “inversión” ou “reciprocidade”. Como vender e comprar. Segundo desde onde se mire. Os emigrantes de aquí son inmigrantes alá e viceversa. Outra cousa son os “nómades dixitais” -ninguén lles chama “migrantes dixitais”-, unha modernidade de elite que hoxe non vén ao caso. Ou si. 

Te puede interesar