Opinión

O cucurucho, de que color?

A verdade é que as normas ditadas durante o combate á pandemia de covid 19 conlevaron un experimento social inmenso que, ao meu xulgar, acabou producindo unha redución importante das capacidades de vivir a liberdade. Por un lado houbo esforzos, rexouba e aplausos, pero por outro avanzou, enorme, o comportamento das vellas do visillo, vixilantes do comportamento do veciño e encantadas de denuncialo se puxo un pé na rúa ou non levaba a máscara posta. Psicoloxía da delación e conformismo. E afixémonos ao absurdo. Como aquel home que estaba só no medio dun río da montaña, pelexando cunha troita e foi multado por non levar mascara. A desaparición do espírito crítico -de ter criterio- trouxo a asunción automática das verdades de arriba e o espírito alporizado permanente co do lado. Incluso a sobreactuación permanente, a sobredimensión da piollada, a connivencia, tolerancia e hábito do engano sen rubor. E miramos para o dedo en vez de para a lúa. E en vez da vivencia da historia, o cidadán afíxose á vivencia da histeria. Que soa parecido. En fin, que parece que se hoxe nos din desde os “poderes” que hai que levar un cucurucho na cabeza, as protestas únicas serían preguntándonos porque non nos din tamaño e color. Si. Sen eses datos complementarios estarían cometendo un engano, unha falla de información interesada polos contrarios ao cumprimento da Axenda 2030, partidarios do cambio climático, da discriminación dos colectivos tal e cal. Bla, bla, bla. Vemos normal o linchamento do disidente. Do pensante. Do crítico. É ben certo que a liberdade persoal está en retroceso ante a mareante marea do politicamente correcto. Insisto, “Ayatola, no me toques la pirola”. 

Como ven, algo esaxero. Ou moito. Pero é que veño de baixar ao súper e vexo máis que nunca que nos estamos volvendo parvos. Ou que nos queren facer así. Estaba afeito xa a ver a imposible opción entre patacas para cocer e patacas para fritir cando pasei polo departamentos dos arroces. O certo é que estaba preparando uns guiso de calamares e quedara sen arroz e como o teño ao pé da casa o súper pois fun por el. Antes eran as disxuntivas SOS, de grao normal ou longo, La Cigala, ou esoutro que non se pega pero non sabe, Brillante. Agora é un mundo inmenso de posibilidades. Vexo con estupor “arroz para postres”, “arroz especial caldoso”, “arroz especial risoto”, “arroz especial paella” e dubido se levar todos, porque depende do día, miren que cousas. Unhas veces fago isto e outras o outro. Igual que as patacas, unhas veces frítoas, outras cózoas e outras rálloas no caldo limpo en vez de fideos; próbeno. En fin, menos mal que os ovos, de momento, non se venden especializados en “para fritir”, “para cocer”, “para mahonesa”, “para tortilla francesa”, “para tortilla de patacas con cebola”, “para tortilla de patacas sen cebola”, “para tirarlle a alguén á cabeza”, etc. 

E que ninguén me diga que isto serve para orientar o consumidor, nada diso. Só mete confusión. E así, aínda haberá a quen manden a por patacas e volva a casa sen elas, porque non sabe... E xa non lle digo de arroces. Parece que para optar e movernos precisamos que nos “tangan” de arriba. Se quere facer un arroz con leite, como se lle ocorre levar un arroz de facer paella? Vostede é un contestatario. Ou mellor, da cáscara amarga. Un antisistema.

En fin, o único que lle pido aos Reis Magos de Oriente é que nos devolvan, incluso aos republicanos, as capacidades críticas respecto de nós mesmos, das nosas ideas e, claro, das ideas dos demais. E que nos respectemos sen máis. Que xulguemos en base a nós e non en base á crispación dos medios, tan allea á vida normal nosa. Ah. E que diminúa a música reguetón nas radios. Parece que moito pedir non é, pero vaia se o é. Vaia. Vaia. 

Te puede interesar