Opinión

Cudeiro, unha imaxe de 1746

Ás cinco da mañá do domingo 28 de outubro de 1923 caeu a fachada da igrexa de San Pedro de Cudeiro sobre o sacristán, Antonio Villamarín, que no momento estaba tocando a alba. Segundo as crónicas da prensa, quedou atuado entre as pedras ata a cintura e foi recoñecido polo doutor Parada -o do burro e as gafas verdes para que comese serrín-, quen certificou a súa gravidade e que pouco había que facer. O sarxento da Garda Civil, comandante no posto, D. Francisco Pérez Martínez, e o garda Manuel Blanco Mosquera fixeron inmediatamente un atestado que foi entregado ao xuíz municipal de Canedo. A prensa do 1 de novembro da conta da morte e autopsia xa realizada ao pobre Antonio.

O certo é que esta historia sabíaa, como tantas outras, por iso da transmisión oral familiar. Si. Antes, ou sexa na era da comunicación humana preglobálica, a información que se lembraba era como as ondas dunha pedra na auga: o centro era a túa xente, o máis nítido, e ao seu redor, progresivamente esvaídas, as cousas máis apartadas ata que non había noticia do que estaba lonxe, as augas calmas ou ignotas. Agora, co cambio do paradigma xeométrico comunicativo e co furor da hipercomunicación lixo global instantánea, se cadra non recoñecemos as caras dos veciños nin as fincas da familia no rural, pero identificamos, perfectamente a centos de persoas que vemos, sentimos ou padecemos pola súa presenza constante nos medios de comunicación e sabemos onde queda o Dombás, Crimea ou Gaza. Pero ese non é o tema hoxe. Volvendo ao rego, direilles que nesa memoria oral transmitida estaba a caída da fachada de Cudeiro e a morte do sacristán. A min chegoume como produto dunha treboada e chimpada a fachada por un raio, mais este dato non o teño contrastado, pois nada fala a prensa da época que sinala, ademais, a caída dunha torre e que o pobre Antonio quedara sepultado na sacristía. Non sei. Enganouse o xornalista nos detalles ou foi a familia polo medo que lle tiñan aos raios? Tanto ten. O básico é certo. 

En fin, sempre me sorprendera a fachada neogótica espetada en Cudeiro fronte á fermosura románica de Gustei. E sempre busquei unha foto da fachada antes da caída e da construción da nova, cousa de finais dos ano vinte, pois pensaba que non sería raro que algún veciño ou algún estudoso pasase por alí e fixese unha foto antes dese outono de 1923. Pero ata onde eu sei, non a hai. Ou, mellor, nunca a encontrei. E a cousa, realmente, pasara bastante desapercibida na prensa, pois daquela as catástrofes e calamidades non estaban tan sobrevaloradas como noticias. 

E convencido estaba da imposibilidade de saber como era a fachada, cando zas! Manuel Gago, comisario da Exposición “Ourense no tempo” -do mesmo nome que a sección con que tanto nos ilustra Rafa Salgado sobre a nosa historia neste xornal- envíame unha foto dun pergamiño que estará na mostra que se abre este luns en Afundación na Praza Maior. É un documento dun preito sobre unha cuestión de augas -regos e escorrentías- no que, para que se entenda, o perito que fai o informe elabora un mapa-plano da zona realmente marabilloso. Aparece non só a fachada románica da Igrexa -bastante parecida, como sospeitaba, á de Gustei- coa súa portada con dúas arquivoltas e a imaxe do San Pedro exenta por riba, senón a fonte do Turreiro, e incluso, ao lonxe, empiricoutada no seu outeiro, a capela de San Marcos. O documento parece ser de 1746, e entre os peritos figura Antonio Feijóo Montenegro, parente moi directo do Padre Feijóo. Levan ese nome seu pai -imposible, tería máis de cen anos- ou o irmán ou o seu sobriño. Seguro que algún especialista nolo pode aclarar. En calquera caso, vaian ver documento e exposición. Cando abra. Pasadomañá. Paga moito a pena.

Te puede interesar