Opinión

Dáme pan e chamame can

Este feroz e descarnado refrán é o primeiro que me vén á cabeza sobre a cuestión da denominación desa zona na nosa cidade que todos sabemos cal é pero que vimos chamando de formas distintas, como sinónimos imperfectos: casco vello ou antigo, zona vella ou dos viños, centro histórico, medieval, ou como gusten os lectores destas letras. Pero si, dáme pan e chámame can. Ou sexa podemos enredar o que queiramos na cuestión do nome pero no fondo tanto ten. O único importante é se somos ou non capaces de darlle un sopro -mellor un vendaval- de aire novo e de facer que teña a vida doutrora. 

É certo que parece difícil que a xente fixe a súa residencia onde non ten garaxes, non ten ascensores, non ten supermercados, e onde non hai comercio e só bebercio. O Concello intentou promocionar negocios na rúa de Colón e as cousas non tiveron o éxito que cumpría. Levaren alí oficinas e departamentos do Concello é unha boa estratexia, sen dúbida. Menos mal que nos queda o IES Otero Pedrayo, que mete xente nova na zona. Pero é evidente a decrepitude progresiva da zona sur. Penso na outrora puxante rúa do Vilar -dígoo polas tendas de roupa, forno de deliciosas empanadas, quioscos, etc. non crean- e véxoa moi alicaída. E xa non lles digo outras rúas adxacentes a esa, como Cervantes, Pelayo, incluso recantos tan fermosos como a Canella Cega. 

E si, tamén Os Viños, propiamente ditos, ou sexa o espazo que se delimita externamente a praza do Ferro, San Miguel, Irmáns Vilar, Juan de Austria e Fornos, deixando no centro Lepanto e Paz, pois está bastante decrépito na súa parte superior. Os bares melloraron moitísimo, tanto en trato dos taberneiros, como en instalacións e oferta; pero o exterior, as rúas, están moi deixadas. Nin acción privada dos donos dos locais e edificios abandonados ou derruídos, nin tensión de limpeza e, cando menos, de “maqueado” externo. Subir pola rúa da Lúa, pola de Pizarro, pola de San Francisco, ou percorrer a rúa de San Pedro, ou Monterrey, San Quintín ou mesmo Hernán Cortés, son páxinas dun poemario de tristes pezas que rematariamos na casa semirestaurada semiderruída dos Montero, na praza de San Cósmede e San Damián, por fronte do no oco da marmorería derruída da esquina de Prieto Nespereira e Dous de Maio. 

En fin, potencialmente temos unha zona vella preciosa, como temos unhas grandes posiblidades termais. Pero a potencia é potencial, as posiblidades posibles e a realidade real. E cómpre que logremos a terceira destas parellas: convertir posibilidades e potencialidades en simples realidades reais. Evidentemente non é nada fácil, como nada parece fácil neste concello, nesta lexislatura. 

Pero falabamos de denominacións. En moitas linguas hai esa fluctuación. En Bilbao falan de “Casco Viejo”; en Pamplona, de “Casco antiguo”; en inglés, da “Old Town”; en italiano de “Città Vecchia” -ou “Centro Storico”-; en portugués, algunhas cidades falan da súa “Zona Velha” e outras do seu “Casco Velho” outras do seu “Centro Histórico”. En fin. Eu creo que como a cidade vella está integrada na nova, con ensanches no XIX a oeste (Progreso), norte (Paseo, etc.), sur (Padre Feijoo, García Mosquera), etc. o mellor podería ser falar simplemente da “Zona Vella”. Porque ademais vella, o que se di vella, está de carafio. En fin, deámoslle pan chamámoslle de calquera maneira. Mesmo “Can”, sigla e acrónimo de Cidade Antiga Nosa. 

Te puede interesar