Opinión

Estado e Constitución

Cadroume o parto da Constitución en Santiago. Dábame clase Alonso del Real. Tempos de debate, de darlle mil voltas ás cousas. Tanta reviravolta intelectual había, que acabei votando en branco. Pensaba que nin era tan perfecta que merecese o meu si, nin podería dicirlle que non polo inmenso avance que supuña; e absterse tamén non, porque non quería que me confundisen cos que tanto lle tiña. Hoxe non faría tal, pero hoxe non teño dezaoito anos. En fin, que o meu profesor Don Carlos dicía, naqueles tempos de discusión sobre organización do estado e con liberdades sen pexar polo politicamente correcto, que a mellor constitución que el coñecía era a de Úrsula Andress. Citaba a saída do mar co bikini branco na película de “James Bond contra o doutor No”. para ensinarnos o que era unha constitución coas medidas perfectas dun exemplar femia de Cromagnon moi ben evolucionado; exemplar digno de estudo meticuloso, dicía. E riamos, porque a evocación dunha película do ano 1962 parecía cousa do pasado, aínda que, obviamente, méritos non lle restabamos a dona Úrsula.

E veume isto á cabeza porque nestes momentos tan tensos na política española, no que uns tentan constituír un estado novo en Cataluña pola brava, outros falan dun estado que recoñeza tal e cal identidade, e outros tratan de manter o actual, eu creo que o único estado realmente interesante é o estado de benestar e de felicidade: estar ben e ser felices. Ou sexa, calma, pan, tranquilidade e gozar da vida libremente; como vimos facendo desde hai décadas. Porque reivindicar hoxe a formación dun ente político chamado Estado, creo, é un tema que tira a obsoleto. Desde logo máis que Úrsula Andress en 1979. Os estados nados no XIX froito de forzas centrípetas ou centrífugas -Italia e Alemaña por un lado, Bélxica e os países balcánicos e centroeuropeos por outro- ou de inercias históricas con hexemonías consolidadas, casos de Francia, Gran Bretaña, España, etc. hoxe están en retroceso, pero non ante fracturas, senón ante un esvaecemento, digamos, natural. Moitas das manifestacións de soberanía máis rechamantes -moeda, leis fundamentais, planificación económica- foron traspasadas a entes superiores. Outras moitas, sanidade, educación, servizos sociais, pasaron a entes inferiores, autonómicos ou locais. E no mundo global de arestora, a única diferencia fundamental entre os individuos é a cultural. Un falará francés, catalán, galego ou italiano na casa, pero leva vaqueiros, ve os Simpson, ten un Peugeot ou un BMW ou un Hiunday, ve as mesmas películas e escoita a mesma música. E liberdades? Todos igual, organizado estea o seu estado como estea. Vive distinto un finlandés que un sueco por ser un república e outro monarquía? Ou un francés que un alemán, por vivir un nun estado federal e outro centralizado? 

Sinceramente, creo que os nacionalistas teñen mitificada unha estrutura política que vén do XIX e que cada vez é menos importante. Desde logo ós grandes poderes económicos multinacionais o que lles interesa son países pequenos, máis manexables. En fin, dise que os malos obreiros sempre se queixan da ferramenta. E témome que os gobernantes cataláns sexan deses. Na política, como na vida, hai que procurar crear menos problemas dos que se resolven. E hai moita marxe, moito campo para traballar polo benestar e felicidade sen crear tanta complicación. Creo.

Te puede interesar