Opinión

Exceso de leis e de mascotas

Eu non podo casar cun can -nin sequera cunha cadela- polo mesmo que non podo matriculalo en Historia, ou facelo socio dunha empresa: non é xente. Polo tanto, non é obxecto de personalidade xurídica a que se lle poidan indicar dereitos e deberes -as dúas caras da moeda- porque, como é obvio, o dereito é o conxunto de normas xurídicas que regulan a conduta en sociedade do ser humano. Nunca poderei denunciar a unha árbore porque dá sombra de máis nunha piscina, ou a un can porque me morda. Pero podo denunciar o dono do can se o maltrata, pero nunca polos “dereitos” do can, senón polo incumprimento dos “deberes” do ser humano cun ser vivo sentinte. Xa o Código Civil fala diso. Nunha afortunada reforma de 2021 engadíuse un artigo 333 bis, do que o segundo punto di: “El propietario, poseedor o titular de cualquier otro derecho sobre un animal debe ejercer sus derechos sobre él y sus deberes de cuidado, respetando su cualidad de ser sintiente, asegurando su bienestar conforme a las características de cada especie...”. E chega. Os dereitos e os deberes, para quen os entenda: as persoas. Si. E cómpren máis nenos e menos cans. Máis compromiso co futuro da humanidade e menos cháchara. 

E empezo así, para dicir que a lei 7/2023 de “protección de los derechos y el bienestar de los animales” -54 páxinas de BOE- me parece excesiva e errada desde o nome, pola inclusión da palabra “dereito”. Ademais, parto de que un dos males actuais máis perigosos é a sobrerregulación, o exceso de leis que producen as Administracións para os administrados. Entre as súas consecuencias inmediatas está a confusión lexislativa e a querulancia, a tendencia ao litixio dos máis influenciables. Pero máis perigoso é aínda que se considere normal que lexislador trate os cidadáns como parvos que non puidesen pensar por si mesmos, e que hai que encarreiralos en curto, porque senón, libres, escorregan e son uns sádicos insensibles. E o peor é que nos tempos da desaparición da lectura reflexiva que formaba cidadáns libres e críticos e en tempos da tiranía do políticamente correcto e do pensamento único, o cidadán acaba asumindo como natural que outros marquen lexislativamente as formas de pensar. Creo que o primeiro libro que lin en inglés foi “Animal Farm”, de George Orwell -esa sátira do estalinismo a través da metáfora da rebelión duns animais que expulsan aos humanos dunha granxa e instauran unha tiranía-, e a verdade, pensei moito no libro en paralelo á lectura que fixen da lei no BOE do 23 de marzo. 

Desde logo o que saquei en conclusión é que o redactor ou redactora tiña gato. E dubido que fillos. 76 veces aparecen nomeado os micos, clasificados nunha exhaustiva tipoloxía e dedicándolle un capítulo enteiro ás “colonias felinas”. Os cans aparecen só 46 veces; os furóns, 19, e os peixes, 7. En fin, non me gusta a lei porque vai na liña de forzar o pensamento único sobre a materia. E si, como defenderei sempre a liberdade que unha persoa lle lamba os morros a un cadelo, tamén a do non lle gustan os cans, e non os quere ter ao lado no restaurante ou na praia ou cando vai de compras. A lei, con ruindade, busca a culpabilización e estigmatización dos locais que non queren cans dentro ao obrigalos a ter un cartel no exterior que así o advirta. Porque a cousa debería ser exactamente ao revés. Os locais -restaurantes, bares, farmacias, supermercados, ópticas e calquera outro negocio- debería avisar de que si, que alí son ben recibidos. Porque o natural, o inercial, é o contrario.

O que di o Código Civil, 333 bis, 2, que o cidadán debe cumprir “sus deberes de cuidado respetando su cualidad de ser sintiente, asegurando su bienestar conforme a las características de cada especie”, abonda. Non nos compliquemos dividindo. 

Te puede interesar