Feiras e mercados na cidade de Ourense

Feiras e mercados na cidade de Ourense

Imos facer sen máis fonte a man que a soa memoria propia, prestada ou lida, unha aproximación superficial á evolución das feiras e mercados na cidade de Ourense. 

Sabemos, claro, que a función de venda-compra ou intercambio de produtos, xunto coa político-militar e administrativa, foros as claves do desenvolvemento das urbes antigas. Igualmente sabemos que os oficios e comercio se agrupaban por zonas dando lugar a nomes como “Rúa dos Zapateiros”, “Praza da Herba”, etc. Sabemos, ademais, que se facían mercados ou feiras especiais agro-gandeiras e comerciais, de cando en vez. Algunhas moi especiais, unha vez ao ano -no Ourense medieval está moi regulada a do San Martiño- e outras máis habituais, mensuais ou bimensuais. E sabemos tamén, é de sentido común, que mercados e feiras cambian de ubicación a medida que as cidades cambian. Todo lei de vida normal. Imos lembrar como se moveron estas pola cidade adiante.

Para empezar, a feira de gando e produtos do campo, en tempos antigos -digamos nos séculos XII en adiante-, tiña como centro a Praza Maior, por iso se chamaba antigamente “Campo” (logo “Praza do Campo”), fronte á Praza (ou rúa da Praza) que era a actual do Trigo, e que nalgún momento foron as nosas “praterías”. Na época dos Reis Católicos pasaron as prazas principais de cada cidade a denominarse “Maiores” -en América, “de Armas”- e seren o centro político e administrativo. Algunhas actividades algo molestas centráronse nos arredores. Vacas e cabalos nos inicios da Carballeira, porcos na zona do Outeiro (despois da actual ponte da Burga), curtidos de peles nas Mercedes e despois en Ponte Pelamios, mentres que as actividades máis habituais, carbón, herba, zapatos, trigo, centeo... se esparexían polo interior da cidade. 

Logo, se cadra nos mediados do XIX, moitas das actividades de comercio agro-gandeiras trasládanse ao San Lázaro. Aí está a venda de gando -xa hai fotos, incluso- ata que se urbaniza e se convirte en parque, nos inicios dos vinte. A capela primitiva -próxima á esquina de Bedoya- ou a nova -de 1892, cara a esquina do Banco Pastor- señorean estes mercados de gando. Nese momento, despois da “parquización” do San Lázaro, trasládase a feira aos Remedios, ao lado da Capela e da Ponte Vella, na zona do Pavillón de Deportes. Aí é onde a lembro eu de pequeniño. Cos seus charlatáns, como o Mario; cos seus toldos, o seu pulpo, o gando, os carteristas... O 7 e o 17. Claro que coa unificación do Concello de Canedo, a feira do 21 esmorece, pois, ademais, 17 e 21 son datas demasiado próximas.

De todas maneiras, despois da construción do Pavillón de Deportes, nos finais dos sesenta, e da construción do campo da feira onde está hoxe, ao lado dos bombeiros, no terreo que foi do Concello de Canedo, a actividade comercial trasladouse de novo para o norte do Miño, e alí foi esmorecendo e modificando o seu papel de feira agro-gandeira para especializarse no gastronómico. Agora só se vai a comer o pulpo e a carne ao caldeiro ao Campo da Feira, mentres que a enorme e cada vez maior actividade dos postos ambulantes -sobre todo en mans foráneas, agás os postos de xamón e queixos- céntrase, os 7 e 17, en ambas beiras do Barbaña urbanizado entre o Mercado, ao pé das Burgas, e o Parque do Barbaña, ata Porto Carreiro.
Non teño dúbidas de que a Feira do Vinteún renacerá entre o cariño da xente, con esa especialidade artesá enxebre e gastronómica que tanto nos comprace a todos. Adiante, pois.