Opinión

Ferrín

Aínda que el é, seica, inimigo destas cousas, creo que non estaría de máis que Ourense –“cuna de la molicie”, en palabras de Blanco Amor- tivese un detalle cun dos autores que respirou de pequeno o bafo da Burga e que tanto ten servido á historia literaria desta Terra no seu oficio de ensaísta e no seu rol de creador. Refírome a Xosé Luís Méndez Ferrín. O dia 7 de agosto, se non me engano, cumpre 81 anos, que non son moitos, pero tampouco, poucos. Rufo está coma sempre, e este outono podería ser un momento bo como outro calquera para o alumiño. Para esas cousas, sempre é bo tempo. 

Afirmo que o seu relato “Xaque mate” é a mellor peza de narrativa auriense da segunda metade do século XX. Afirmo que o seu libro “Con pólvora e magnolias” é o mellor que se fixo na renovación da poesía na segunda metade do XX. Ferrín é, si, home polémico, sobre todo, pola súa paixón radical, por un xeito de entender o compromiso de vida e cultura. Non é home de transar, conciliar, concordar, non é un personaxe cómodo para o reducido establishment cultural galego, pero dado que a palabra polémica está emparentada co grego “pelenizei”, ou sexa sacudir, non está de máis que de cando en vez sacudamos un pouco certa feluxe acomodaticia e nos acheguemos festivamente a unha obra e un personaxe que o merecen.

Si. Ourense é un universo literario por Valentín Lamas Carbajal, Filomena Dato, Curros Enríquez, Alberto García Ferreiro, Heraclio Pérez Placer, Francisco Álvarez de Novoa, Otero Pedrayo, Risco, Euxenio Montes, Blanco Amor, Casares, Celso Emilio, Valente, Marcos Valcárcel... E por ter nacido aquí, e resucitado nun par de ocasións, O Tio Marcos da Portela. E por se ter iniciado a construción modernidade con La Centuria, e a da nación con Nós... E por moitas outras cousas, como os banquetes no Hotel Roma a Otero ou Celso Emilio; ou no San Miguel, a Marcos Valcárcel. Tamén, claro, porque Xosé Luís Méndez Ferrín, nos ten achegado moitas destas historias nos seus ensaios literarios ou nos documentadísimos artigos de prensa. Si. Cumprindo o fado do afastamento, sempre volve a facer a crónica de nós; pola Arnoia, o Couto Mixto, as terras de Celanova ou a propia cidade de Ourense.

Sabían ben os “vellos” -digamos Otero Pedrayo, Cunqueiro, Blanco Amor ou Paco del Riego- da súa valía e así o afirmaban cando xulgaban a literatura coetánea aos seus solpores. Ferrín seduce co magnetismo persoal e a liberdade que emana. Ergue paixóns. Creo que máis sen querelo que querendo, viu nacer ao seu redor o adxectivo “ferriniano” co que se identifica un esvaído grupo interxeneracional do sistema cultural galego. 

A súa actuación, a súa combinación de pólvora e magnolias, pode ser amada, ignorada ou odiada. Pero iso arestora non importa. Sabemos que estamos ante un dos grandes referentes da nosa cultura e do noso tempo. Non sei que se podía facer: un congreso de especialistas sobre a súa obra, un nomeamento honorífico, un bautizo dun espazo urbano... En fin, trátase, simplemente, de que saiba que estamos orgullosos de telo por da nosa tribo, aínda que a el tanto lle teña. Ou precisamente por iso.

Te puede interesar