Opinión

Galicia, profunda calidade

Louis Leroy foi un pintor e crítico de arte que pasou á posteridade, non pola súa obra senón por inventor dunha palabra. A uns artistiñas que el non daba entendido e que expuñan no Salón Independente de París de 1874 dedicoulles un despectivo artigo no xornal Le Chavivari, titulado “Exposition des Impressionnistes”. Fixo burla dun precioso e anovador cadro de Claude Monet titulado Impression, soleil levant. Aqueles artistiñas (Monet, Degas, Pissarro, Renoir, e Sisley), encantadísimos, colléronlle o insulto pola man, e felices por teren xa unha denominación para a súa nova estética.

Élles ben frecuente que as cousas saian ao revés do que se pretende. O bispo Cesáreo fixo ler en todas as misas de doce do domingo, unha mensaxe pedindo que ninguén lese “Aires da miña Terra”. O luns pola mañá, claro, os fregueses buscaron coma tolos o libro. Publicidade gratuíta.

Así tamén, a maxistrada María Belén Ureña Carazo, creo que nos acaba de facer un favor. Desde logo non entro en con quen estaría mellor o rapaz. É máis, penso que se a maxistrada así o estimou, tería as súas boas razóns. Pero pola boca, como morda unha vez onde non debe, morre o peixe; e ela esvarou cunha innecesaria argumentación que só pode ser interpretada como minusvaloradora dunha forma de vida. En fin, creo que xa está tardando unha campaña institucional turística da “Galicia, profunda calidade” ou simplemente “Galicia profunda” que seria unha lóxica continuación da afortunada “Galicia calidade”. Ademais, nestes tempos de trapallada e superficialidade, que os galegos aparezamos como profundos é bo. Fíxense, o dicionario castelán de antónimos recolle como contrarios a “profundo” ligero, leve, superficial, trivial, frívolo, sencillo, anodino, exterior, externo, inepto, infantil, insignificante, liviano, pequeño, torpe. Así pois, pensen na gabanza de ser todo o contrario. Somos profundos como a ollada da historia; fondos como os pensamentos dos que están de volta; transcendentes como a natureza e o Camiño. É máis, creo que como recompensa a María Belen Ureña Carazo por ternos regalado tan magnífico lema, por ter provocado esa unanimidade tan rara na parroquia dos galegos, deberían o Concello de Muros e a Xunta convidala a unha semana de estadía na vila, a gastos pagos, para curar ese pailanismo filomarberllí. E esta inercia dos políticos xogando ao arrimado en temas menores xa a podían ter para cousas máis importantes. Unha parvada como esta, incomprensible nunha maxistrada do seu nivel, debe ser cousa para humoristas e ociosos colaboradores de prensa, pero non debe ser tomada en serio e menos, tomar estado parlamentario. Valoro o deslice da maxistrada como unha falla na capacidade argumentativa pailana e pija, pois a gabanza desmedida do paraíso marbellí por contraposición á vida na aldea foi entendida en todo o rural español como un insulto. Marbella tamén son as corrupcións de Juan Muñóz, Jesús Gil y Gil, as mafias rusas e as películas de Torrente. Desde logo, e máxime coa virulencia dos guasaps maternos e o traslado unilateral do rapaz, escusábase incluír así o agravio local no argumentario, pois os homínidos somos mamíferos territoriais e, de natural, defendemos a tribo.

É obvio que non se poden comparar as formas de vida de Marbella con Torea, aldea de vinte e e dous veciños a uns oito quilómetros da capital municipal e de servizos, Muros. E cada un vivirá onde lle cadre, onde lle preste, onde poida ou deba; pero desde logo Muros e arredores son un dos lugares máis bonitos desa Europa natural, fonda e profunda, tan lonxe do artificial ouropel marbellí. Por sorte.

Te puede interesar