Opinión

Grandísimo avance

Estáballes eu o outro día en Praia América estumballado na area, coa metade do corpo debaixo da sombrilla, ollando sen especial interese o bulir dos nenos pequenos -poucos-, contando embarazadas -menos-, tratando de desentangarañar tatuaxes -o que máis me sorprendeu é o dunha mociña, guapa e xeitosa, coa simple anotación de “420” no escote, pero claro, non me atrevín a preguntarlle polo significado da enigmática cifra, pois son celoso ao máximo da intimidade allea e o último que querería sería importunar a aquela moza que me cruzo todos os días...-. Estáballes ollando, descoidado, un gran veleiro que ía cazando as velas ao límite para manterse, moi cinguido, en paralelo á praia... Empezaba a soprar.

Había que facer algo. Así que me puxen un desafío: tratar de ler o xornal na praia

Observáballes ao lonxe os poucos mozos que aínda manteñen motos de auga a correr de Panxón a Baiona -ou ata o faro- só polo pracer de facer ruído, cheirar a gasolina... Pensáballes cantos anos había que as bateas de mexillón que hai nos arredores de Monte Ferro e que inauguraron o skyline do mar cara á saída norte da pequena ría de Baiona-Panxón hai dez ou doce anos... Ou como diminurían tanto as cunchiñas que mancaban os pés por Panxón... Dáballe voltas, tamén, tanxencialmente, en se, ao subir da praia, poría á plancha o xurelo ou o sargo, e en se facer ensalada de leituga e tomate ou só de tomate, cando pensei que xa estaba ben de tanto pensar e tanto mirar. Había que facer algo. Así que me puxen un desafío: tratar de ler o xornal na praia. 

Saben ben do perigo que representa. Non tanto polas noticias que é pouco probable que compitan co pracer do dolce far niente praieiro, senón polo puro desafío técnico. A verdade é que o repentino interese no xornal era en tratar de ver como podía xestionar o equilibro entre o número de mans dispoñibles –un par delas- e a loita desigual entre as follas de papel que actuaban como velas que captan cada areixa de brisa, os lentes de sol e os de presbicia montados uns por riba dos outros e o bolígrafo de facer os encrucillados e sudokus... O problema aparecía na súa xusta dimensión cando se trataba de pasar as páxinas e coincidía un racha de vento, pero velaí os retos e os desafíos deste instante piolloso no medio do inmenso e avolto mundo contemporáneo. Pois estáballes nestas, cando de repente vin a noticia... e souben que estabamos redimidos. Que o futuro era noso. Que deica pouco habería máis embarazadas, máis nenos e menos cans, máis mozos e mozas e todos traballando nunha terra vizosa, próspera e feliz.

Franco, un fulano que vai facer cincuenta anos dentro de vinte tantos meses que morreu, non vai poder seguir gozando no máis alá da medalla do mérito no traballo. Grandísimo avance

Velaí as páxinas do xornal que non menten. Anunciaba o goberno por voz de Yolanda Díaz que acababan de retirarlle a Franco a medalla ao mérito no traballo que seica lle deran en 1953. E que deste xeito, por fin se cumprira a Lei de Memoria Democrática, ou algo así. Automaticamente, como impulso primario, sen saber como, saíume unha gargallada libre e sonora, proporcionada coa importancia histórica da nova que acababa de ler. Nunha sombrilla próxima, un home arqueou unha cella, sen dubida comesto polo misterioso motivo que provocara en min tal estoupido riseiro. Pero era comedido e educado, e non se atreveu, lóxico, a preguntarme porque ría, que lera tan gracioso.

E si. Unha das máximas preocupacións populares destes momentos en España quedou resolta. Franco, un fulano que vai facer cincuenta anos dentro de vinte tantos meses que morreu, non vai poder seguir gozando no máis alá da medalla do mérito no traballo. Grandísimo avance. (O xornal acabou revolto coas follas mal dobradas, púxenlle as chanclas por riba e marchei a auga. Estaba boísima. Como o sargo e o tomate). 

Te puede interesar