Opinión

Identidades asesinas

O título provocador agocha un pequeno ensaio ao redor das identidades no mundo contemporáneo cos seus tráxicos cruzamentos de relixión, tradición e mundialización, feita polo escritor de orixe libanesa Amin Maalouf, autor das novelas “León el Africano”, “Las escalas de Levante” ou do ensaio “Las cruzadas vistas por los árabes”, por exemplo. O libro, en primeira versión, é de 1999 pero o mundo, como ben saben, escorregou desde aquela e embazouse a bóla de cristal de ver o futuro. Se cadra Amín hoxe tería unha visión máis negativa, pero as reflexións seguen sendo válidas. E como o libro anda en versión PDF pola web, poden navegar un pouco e coa axuda das redes, pescalo. É interesante.

Amín Maalouf vén dunha minoría moi pequena no Líbano, os cristiáns malaquitas de fala árabe aínda que por educación e vida tamén se desenvolve naturalmente en francés. Asentou en París así que estalou a guerra civil no Líbano pois quería fuxir daquela tolemia. E o libro xorde, porque moitas veces lle preguntaron se se sente máis libanés ou francés. E di el que tanto unha cousa coma outra, que a esencia da súa identidade, o que o leva a ser el mesmo e non outro, é estar de acabalo entre dous países e dúas ou tres linguas e varias tradicións culturais. E encantado. Como tanta xente. 

O libro está divido en catro partes. “I. A miña identidade, as miñas pertenzas” onde reflexiona sobre a súa en comparación coas variables mundiais e as diferenzas na construción da identidade pois, obviamente, tal non se nos dá dunha vez, senón que a imos construíndo e transformando ao longo da vida. E usa a expresión “identidades asasinas” porque quere denunciar a redución da identidade á pertenza a unha soa cousa, (relixión, etnia, lingua, tribo, nación) producindo unha actitude intolerante e unha visión do mundo deturpada. Mais se pensamos a nosa identidade como un tecido das distintas pertenzas, achegas, influencias, estamos nunha visión humanista facilitadora da convivencia e construción do futuro. E insiste na necesidade de esforzo para integración na cultura do país do inmigrante, e da necesidade dunha reciprocidade de respecto para evitar a radicalización por rechazo. O segundo capítulo “Cando a modernidade vén do Mundo de Outro”, xira ao redor da evolución histórica das actitudes perante a modernización. Sinala, por exemplo, como na Constantinopla medieval e moderna, convivían cristiáns ortodoxos, latinos, xudeus, armenios, etc. baixo o cetro do Sultán, entrementres en Europa había as guerra de relixión e a expulsión de xudeus e musulmáns. Ou como na época de Nasser, por exemplo, a laicidade era a norma nos poderes árabes progresistas e como se afundiu o tema coa desaparición do bloque socialista e o auxe das corrupcións locais, que levaron ao avance do islamismo radical. No terceiro capítulo, “A época das tribos planetarias”, reflexiona sobre a desconfianza co “outro” permanente e a necesidade de entender a identidade en base ao ser substantivo persoal máis que os adxectivos. Coa frase “Os homes son máis fillos do seu tempo que de seus pais”, introduce os conceptos de herdanza vertical -o que nos vén da cultura de nacemento- e horizontal, do tempo no que vivimos. Así, hoxe tendemos a ter máis proximidade de vida cun individuo da nosa idade doutro país (música, entretemento, TV, cultura popular, viaxes...) que cun noso bisavó, sexa croata ou galego. E nós somos produto desa retorta combinación entre horizontal e vertical, e no debemos agarrarnos só a un fío. 

O derradeiro capítulo “Domesticar a pantera” trata, claro, das formulas para evitar que o problema se descontrole e crear unha novo modelo convivencia. Moito éxito non tivo. Léano. Halles facer pensar. En fin, que o 2024 veña bo. Que ben cómpre. 

Te puede interesar