Opinión

Incendios modernos

Todos sabemos que hai varias clases de incendios. Uns máis tradicionais e outros máis modernos. Porque o marabilloso lume –ese que nos dá calor e que nos permitiu inventar o caldo e as sardiñas asadas- está connosco desde que somos persoas, pois ben se pode dicir que a hominización comezou coa domesticación do lume. Pero ás veces descontrólasenos, claro. Incendio tradicional por excelencia é o do home que se pon el só a queimar restrollos coa idea de que non vai pasar nada... e nestas dá en soprar o vento e zas!, lume que chouta aos piñeiros, que pasa os camiños... Tamén hai o lume de barbacoa, de magosto, ou o improbable da lupa do cristal... Si. En lumes forestais somos unha potencia internacional e sabemos o seu. Unha simple pastilla das de acender para o churrasco, cun pitillo aceso e uns mistos rodeado a súa base... efecto retardado o cuarto de hora suficiente para estar lonxe cando medren as chamas. Si. De lumes forestais, efectos e esaxeracións sabemos de máis por estas terras. Pero tamén hai os lumes domésticos enxebres: o dos vellos fumadores impenitentes que pousan o cigarro aceso na mesiña de noite... Ou o modelo “incendio estufa demasiado arrimada á cortina”, aínda que os máis numerosos son, nove a un, os da cociña. Pois ben, voulles falar dunha nova modalidade de incendio de vangarda que xa existe. O incendio cibernético-comunicativo transoceánico. Cóntolles un caso verídico. Ou sexa, certo no fondo e recreado na forma.

Empézolles explicando para os que non o saiban que o “skype” é un programa de ordenador polo que as persoas se poñen agora en contacto desde calquera punto do mundo a calquera outro e, ao tempo que falan vense pola camariña do ordenador... e gratis, que eu non sei como pode ser a cousa así, pero sei que todos os que temos xente fóra, usámolo. Ben. Imos ao conto.

Poñamos que hai unha moza estudando no Brasil. Poñamos que “fai un skype” cunha amigas de Coruña. De repente, as coruñesas, acoden á chamada do ordenador deixando o que teñen entre mans para sentir á amiga que lles conta cousas cobizosas. Que se parapente por riba da cidade. Que se Copacabana é unha festa. Que se as cervexas Antárcticas no barrio de Leme. Que se a Facultade, tal. Que se tumba que se taramba... Elas contan tamén as súas novidades dos amigos, dos profes, de Santa Cristina “la nuit”... Pero que estaban facendo antes? Fritindo patacas! Así o tal esquecemento, unido á afección da graxa por situarse nas campás das vivendas dos estudantes, provoca o desastre. O lume pega na campá e esparéxese. As mozas, asustadas, chaman aos bombeiros mentres foxen do piso, digamos que a fume de carozo, e esquecen o ordenador aceso. A moza desde o Brasil ve, xa a soas, como o fume sae da cociña para fóra, como as lapas lamben a porta, como chegan os bombeiros, entran na casa, furrichan cun extintor e matan o lume. Ela saúdaos. “Menos mal que chegaron rápido!”. Eles preocúpanse e un respóndenlle aínda sen vela na lixeira néboa do fume. “Como? Quen anda aí? Onde está vostede? Como non saiu da casa?” E a moza contesta. “Non. Non se preocupe. Estou no Brasil”. E o bombeiro, bo mozo, entra no salón, olla a pantalla do ordenador, entende –tamén el usa ás veces o skype- e sorrí. Non pasou nada. Só un susto.

Te puede interesar