Opinión

Irmáns e camaradas

Unha serie de grupos politicos dispares trátanse entre eles de “camaradas”. A palabra aparece xa no século XVI e asóciase á tropa dun exército que come e dorme dentro do mesmo cuarto ou cámara. De aí, por extensión, todos os militantes enardecidos dunha mesma ideoloxía, “soldados” das ideas, forman unha tropa; palabra non en van asociada a tropel e tropelía, polos execesos habituais cando xuntamos a un grupo de mozos co poder absoluto que dan as armas. Nin que dicir ten que os usaban a case esquecida palabra “camarada” eran totalitarios, con tendencia a calquera dos absolutismos posibles; non por casual, era o trato habitual de falanxistas e comunistas.

Se ben este trato camaraderil case desapareceu, non así outra innovación lingüística da guerra e posguerra que por xeneralizada hoxe perdeu as connotacións que tiña ao comezo. Refíromne ao trato de ti en vez de vostede. Téñolle escoitado a don Xoaquín Lorenzo -que trataba de vostede a todo o mundo- como os homes íntimos entre eles da xeración Nós, sempre se falaron de vostede como, en xeral, facían todos os señores do tempo. E contaba que na guerra e posguerra, calquera patán con camisa azul trataba de ti, agresivamente, para menosprezar, aos vellos señores que non compartían a súas ideas. Hoxe, certamente, o vostede modulador das relacións humanas, bátese en retirada.

Por outra banda o tratamento de “irmáns” que se daban entre si os galeguistas ten unha orixe ben distinta. As primeiras “Irmandades” de comezos do XX recollían o vello nome dos “irmandiños” sublevados a finais da idade media contra o poder despótico. Poder despótico dos nobres galegos como Pedro Pardo de Cela, por exemplo, e en favor dos poder moderador dos reis. Si. No pleito Tavera-Fonseca e noutras fontes vemos como o berro de sublevación era “Viva El Rei e o símbolo eran as varas pintadas do poder real. Pero estas “Irmandades” non son alleas tampouco ao nome das “Irmandades Irlandesas” (Irish Brotherhood) que desde os finais do século XIX buscaban o renacemento cultural e politico da vella Eirín. É unha extensión civil do uso relixioso cristián da palabra “irmán”. De aí que o poema de Celso Emilio Ferreiro “Irmaus” (Anque as nosas palabras sexan distintas e ti negro e eu branco...) fixese, con facilidade, o camiño contrario e volvese da vida civil a se converter nunha canción de misa progre.

En fin que esa plural “irmandade” máis alá da “camaradería” fixo que, en calquera circuntancia, os vellos galeguistas gardasen fíos cos que cosían e recosían o tecido das vellas amizades. Por iso Filgueira Valverde foi íntimo da viúva dese Alexandre Bóveda polo que nada puidera facer. Por iso Galaxia nos cincuenta repescou a galeguistas como Álvaro Cunqueiro ou Vicente Risco que tiveran comportamentos deleznables. Por iso Bóveda saudou o nacemento da Dereita Galeguista en A Nosa Terra. Por iso no Sempre en Galicia de Castelao non hai diatribas contra os irmáns que cambiaran de lugar.

Cómpre recuperar aquel espírito de mel e deixar o fel que nos afoga.

Te puede interesar