Opinión

Martín Villa e o disparate (II)

Hai pouco máis dun ano, o 8 de setembro, escribinlles aquí un artigo, “Martín Villa e o disparate”, a propósito do despropósito de permitir a fiscal xeral do Estado, Dolores Delgado, obviando as leis da Transición, que a xuíza arxentina, María Romilda Servini interrogase a Martín Villa. Non vou volver sobre o dito daquela -defensa pechada da Transición- porque o poden consultar na rede. Pero vou facer tres reflexións novas. Primeira sobre o contexto histórico. A Martín Villa tocoulle “bailar coa máis fea” naquela circunstancia e fíxose cargo do Ministerio da Gobernación, logo de Interior, entre xullo de 1976 e abril de 1979; anos de chumbo. Durante o seu mandato ETA cometeu máis de cen asasinatos, políticos e sobre todo garda civís, policías nacionais e militares. Moitos compañeiros destes aproveitaban os enterros para acusar ao Goberno de traizón e pedir un Golpe de Estado. A pinza entre fascistas civís, asasinando aos avogados de Atocha no 1977, ETA, e o Grapo secuestrando a Oriol e Urquijo e a Villaescua, e matando a unha ducia de persoas no seu mandato, tiña por obxectivo frear a chegada da democracia, coa tería de canto pero, mellor. Foi unha época complicadísima da que se saíu con acordos. Bendita altura e miras do PCE e do PSOE e, tamén, dos que estaban no machiño.

Unha anécdota tanxencial. Martín Villa ía moito pola súa aldea, Santa María del Páramo, en León, e como daquela non había móbiles e nin telefonía directa no rural, as chamadas debían pasar polas telefonistas. E non sei o porqué, día e noite chamaban ao noso teléfono e preguntaban se era “Santa María del Páramo”. Intuíamos que era que estaban avisando ao ministro dalgún atentado e logo comprobabámolo na televisión. Aconteceu varias ducias de veces.

Segunda reflexión. Dada a miña afección pola Arxentina, algo sei desta xuíza, que non entendo como segue en activo con 83 anos. Desde logo é unha muller polémica e botada para adiante. Xuíza desde 1973 declara nunha entrevista en página 12, do 1 de marzo de 2002: “¿Tú me preguntas qué problemas tuve yo con la dictadura? Ninguno. Te voy a explicar por qué: porque mi marido era una persona que llegaba a casa y no comentaba nada de su trabajo. Y yo llegaba a casa y no comentaba nada del mío.” O seu home era militar e ao dicir dela, non estaba ao corrente de nada, e eu non teño porque dubidalo. Pero ten ela fama de compracente co poder. Foi investigada por temas de adopción dubidosas en época da ditadura pero tamén foi a primeira e recuperar e devolver nenos. E sobre todo é famosa por dous asuntos. Un, o caso “Yomagate” no que saiu libre unha cuñada de Menem -quen a promoveu en 1990 a altos postos na xudicatura- e que estaba acusada de cousas como narcotráfico e lavado de capitais por, fíxense, Baltasar Garzón, a quen ela lle gravou ilegalmente as conversas. Todo feo. Outro asunto foi o enfrontamento en 1992 co humorista Tato Bores, e exercer con el censura previa porque soubo que ía ironizar cunha multa duns ridículos 60 pesos que tiña que pagar por sanción da Corte Suprema, o que motivou un movemento de solidariedade dos artistas arxentinos contra o ataque á liberdade de expresión. Hai un vídeo dos artistas cantando no seu programa “La jueza Barú, budú, budía, es lo más grande que hay” moi solidario.

E terceiro, sobre os tweets desprezativos da Xustiza española da ministra Belarra e do seu partido, nada que comentar. Así se explica que sexa a peor valorada do Goberno. Sánchez e Yolanda, encantados. Debe ter a navarra vocación de pararraios e nin o sabe.

Te puede interesar