Opinión

Mercenarios

A revolta interrupta do grupo de mercenarios rusos Wagner fainos reflexionar sobre a existencia de “exércitos privados”, algo estrañísimo para nós, pois aquí é rarísimo que un cidadán que non sexa membro das Forzas de Seguridade do Estado teña unha simple pistola.  E non confundamos o apelido do compositor romántico alemán e antisemita W. Richard Wagner, morto en 1883, autor de “Parsifal”, “Os aneis dos nibelungos”, e outras óperas, tan adorado polos nazis e polos fundadores do grupo mercenario ruso, co Warner, da compañía de cine e entretemento dos irmáns norteamericanos, a Warner Bross. O primeiro apelido fai referencia á persoa que conduce o vagon, o coche (wag) e o segundo, a guerra (war). Por certo que a compañía dos Warner Bross -remozada polos éxitos do Harry Potter e o Señor dos Aneis- cumpre cen anos este 1923, e do seu éxito primeiro con Rin Tin Tin, un cadelo que levara de volta a casa desde Francia un soldado americano á fin da I Guerra Mundial.  A outra compañía Wagner, a dos tiros, parece que cen anos non vai durar.

Ben, seica mercenario fai referencia ás gardas armadas que levaban os transportes de “mercés” ou “mercadorías”. E que se non tiña traballo, pois enrolábanse en guerras, que non faltaban. Pero a historia destes soldados de fortuna, non por ningún sentimento patriótico ou de defensa da nación -invento do exército francés, a través da participación do pobo nel- é tan vella coma o mundo. Exipto, Roma... Algúns medievais, como o Cid Campeador, pasan por heroes. 

En xeral, onde máis presenza teñen hoxe é nos lugares máis recónditos e onde os países poderosos e con intereses petroleiros ou de diamantes non poden actuar descubertamente. Os norteamericanos chámanlle “contratistas” -guerrean por contrato-, como os da compañía que foi Blackwater, que tanto se moveu por Iraq. A historia é sempre parecida. Enrólase xente como se enrolaba na Lexión Francesa, desexosa de vivir emocións fortes e sen raíces fondas en ningures, medio atolada ou tola de todo. Nos anos sesenta foi famoso un tal “Mad” Mike Ohare que despois de pelexar co Che Guevara en Katanga, rematou a súa carreira fallando un golpe de estado nas Sheychelles, en 1981. 

En fin, que os mercenarios van nas guerras “estándar” aos sitios peores, pois son “carne de canón”, que sen regras e con todos os excesos “protexe” dalgún xeitos aos “regulares” alistados por cota. Iso explica que os da Wagner tomaran a sede do Exército ruso en Rostov e chegasen ás portas de Moscova sen oposición. Os soldados “normais”, da mili rusa, só queren volver a casa, e nin tiñan a mínima intención de empezar a tiros con profesionais desalmados e cabreados, pois seica morreran 20.000 dos seus combatentes -case todos presos liberados para tal- só para conquistaren Bajmut. 

Putín ben lembrou no seu discurso que en 1917 os soldados rusos deixaran plantado ao exército alemán que tiñan enfronte, deran volta a casa e fixeran a revolución bolchevique.  Así pois, sabe que debe andar con ollo, pois aínda que Ucraína non vaia gañando, a moral da tropa rusa está ben peor. 

Outra tema distinto é como hai grupos nacionais cunha grande pulsión histórica que fai da guerra unha forma de vida e do que ás veces se aproveitan as potencia: gurkas (ingleses), chechenos (rusos), afganos (eles mesmos).  Os propios vascos teimaron da I, II e III Guerra Carlista, entre 1833 a 1876, e logo como gudaris na Guerra Civil, polo que é frecuente que nas casas teñan fotos dos antepasados de varias xeracións vestidos de militares combatendo, cousa que non foi menor, socioloxicamente, na aparición de ETA.

Te puede interesar