Opinión

El Miño, un cacho da nosa alma


Estamos de noraboa os navegantes sen iate. Ou sexa, aqueles nos que a experiencia das singraduras se deben reducir, non hai outra, a percorridos máis ou menos longos, máis ou menos perigosos, polo océano das redes ou arañeiras metafóricas e mentirás; ou dito en forma orixinal británica, pola web, pola WWW, pola World Wide Web. 

Efectivamente, onte navegando cun rumbo moi concreto, buscando información sobre un tema determinado, nese mar de información que é a hemeroteca “Galiciana, biblioteca dixital de Galicia”, vin unha paisaxe inédita e leváronme os ventos do desexo a achegarme a ela. Descubría así un continente case mítico que hai uns meses non existía nese mar e do que case só nos chegaran noticias entre a néboa da historia e farrapos de datos da man de Carlos Casares. Na súa biografía de Risco, usara os orixinais gardados ata non hai moitos anos nunha casa particular de Xunqueira de Ambía. Máis ben diría que todos os interesados nestas cousas -pouca xente, a verdade, pero en xeral boa- sabíamos que existían, aínda que poucos os chegaramos a ver. E si, os responsable de Galiciana -loor a eles, aos reitores da Biblioteca de Galicia, sita en Gaiás- colgaron a colección case completa de “El Miño. Diario liberal. Defensor de los intereses locales y regionales”. Os 4.141 números subidos corresponden ao publicado ininterrompidamente entre o 20 de outubro de 1898 e o 31 de decembro de 1912. Nese número último da serie non di nada de que sexa o derradeiro. E daquela, buscando información sobre o tal xornal na hemeroteca dixital de La Región -tamén colgados en Galiciana os números de 1910 a 1972–, localizo unha agre polémica entre os dous medios a finais de 1913 e citas nos inicios de 1914, o que significa que El Miño seguiu vivo cando menos un ano máis. Pero isto é “pecata minuta”. Porque debemos fixarnos no moito que nos ofrece e non no pouco que nos falta. Ata o momento non tiñamos unha voz ourensá sobre o acontecido aquí nas datas anteriores á publicación de La Región. Agora podemos seguir, por exemplo, a crónica e pulsión da un tanto desorganizada visita de Alfonso XIII mozo á nosa cidade o martes 15 de marzo de 1904 no número de El Miño do día seguinte. Ou os éxitos escolares de Risco ou Cuevillas de adolescentes, en 1899, con premios e matrículas de honor. Ou incluso podemos contrastar, algo sempre enriquecedor, a información desde dous puntos de vista, liberal e conservador, nos dous anos que temos comúns de El Miño e La Región.

En fin, El Miño foi un xornal de tendencia liberal e progresista, fundado e dirixido por Vicente Pérez y Pérez e despois polo escritor Francisco Álvarez de Nóvoa, e na súa fase final por Eugenio López Aydillo. Un dos moitos valores de El Miño é o que foi a escola xornalística onde comezaron, entre outros, Vicente Risco, co seu propio nome ou disfrazado cos pseudónimos de “Rujú Sahib” e “Polichinela”. 

E si, no mundo actual, a marabilla do acceso á información a través da dixitalización e a posta “on-line” das imaxes xestionadas con OCR (Optical Character Recognition) fai que se poida buscar fácilmente calquera dato contido nun documento escrito. O que antes era labor de ratas eruditas pechadas en bibliotecas, xa é un acceso universal moi fácil e gratuíto ao alcance de calquera en calquera punto, universidade, casa, praia ou montaña. É a marabillosa política de “open data”. Agora o problema non é o acceso ao dato, senón saber facer a súa lectura, entendelo, saber interpretalo e saber usalo, o que son cousas ben diferentes. 

En fin, boa navegación por El Miño e que poidamos seguir descubrindo no futuro outros continentes ourensáns localizados pero aínda inexplorados e sen acceso coñecido. 

Pola miña banda, seguirei arrimando o ombro no que poida. 

Te puede interesar