Opinión

A necesidade dunha política cultural ourensá (VI)

Ochiste dos vascos que buscaban setas e topan un Rolex e o deixan porque andaban ao que andaban, non é certo. Se calquera de nós -vascos incluídos- anda a Boletus edulis e por un casual topa un Rolex Oyster, pois vai ao cesto, seguro; aínda que logo teña dúbidas de se achegalo ou non a obxectos perdidos. Así fixo España cando Colón topou cunhas terras que non eran as Indias de pementa, cravo e canela que buscaban: quedaron con elas e así naceu, sen buscalo, un dos imperios máis importantes da historia. Logo, expansión, organización, ilustración e goberno ata o naufraxio coas novas ideas de inicios do século XIX.

E dun xeito algo semellante na carencia de plano previo foise asentando ao redor de San Francisco un conxunto de organismos de distintas orixes e titularidades que conforman hoxe a nosa acrópole -só cimadevila en grego- cultural. E cumpría xa a fase dúas: expansión, organización e bo goberno. Primeiro foi o Auditorio, inaugurado en 2005; logo foron chegando a modesta Escolma de Escultura do Museo Arqueolóxico, en 2006; a Escola Municipal das Artes Escénicas e Música, en 2008; a magnífica Biblioteca Nós, das mellores de España, en 2019; o Arquivo Histórico Provincial de Ourense, tamén dos mellores de España, en 2020; a tradicional Escola de Artes e Oficios subiu en 2023; compartindo espazo coa Escola Municipal de Idiomas do Concello. E ao lado hai uns BIC tan importantes como o Claustro e o Cemiterio de San Francisco, cheos de arte e historia... E todo, historia, libros, documentos, música, teatro, cultura, arte ao redor da grande explanada que comunica Biblioteca e Arquivo. 

Resumindo, moitas cousas do Concello -Auditorio e escolas e xestión do Claustro-, outras da Deputación -Escola de Artes e Oficios-, outras xestionadas pola Xunta -Arquivo, Biblioteca e Museo-, aínda que de titularidade estatal. En fin, todas as institucións, de todas as cores políticas e todos os alcaldes, desde Cabezas a Jácome, teñen algo de parte nesta creación espontánea da nosa acrópole. 

E parece claro que aquí -espazo hai- é onde se debería localizar o imprescindible Museo de Belas Artes que as terras ourensáns precisan e que debe ser froito da colaboración das nosas administracións. Lémbrolles que cando abra o Museo na Praza Maior, será iso, Arqueolóxico e Provincial, cunha dedicación especial á historia do edificio e da cidade. Pero, atención, remata o discurso no século XIII. Así pois, é imprescindible que se organice, co arrimo de todos -Xunta, Deputación, Concello, Goberno central e Abanca- un espazo que nos convide a seguir o discurso desde ese XIII. O mundo renacentista, barroco e contemporáneo. A obra de pintores e escultores como Juan de Juny, as táboas de Montederramo, o cabaleiro de Beade, el Recuerdo de las Joyas de Parada Justel, ou a Creación de Xaime Quessada deben ter mellor destino que un almacén, poden ser unha base ao redor da que crear algo novo. E deberíase contar coa obra que ten a Deputación froito do seu mecenado: Cándido Fernández Mazas, Parada, Trabazos, etc. E coa que ten o Concello na rúa Lepanto. E sobre os fondos dos “artistiñas” -Quessada, De Dios, Conde Corbal, Virxilio, Acisclo, Buciños, etc.-, seguro que os vivos e os herdeiros dos que marcharon arrimarían vontades. E Abanca e Afundación deberían achegar os fondos “ripados” a Caixa Ourense. Trátase de tecer fíos para facer unha manta multicolor que a todos acubille. Non será fácil pero é imprescindible. Unha boa lista de convidados, o impulso inicial dalgunha das institucións interesadas, un obxectivo e relato a pór en común, un proxecto profesional ben organizado, e adiante. Non pode ser que a que presume de “cidade dos artistiñas” siga sen un espazo museístico para a arte, caso único en Galicia.

Te puede interesar