Opinión

Nelson Mandela e o BNG de Ourense

Ata onde eu sei, e creo que non me engano, Nelson Mandela non tiña relación ningunha, máis alá das propias da fraternidade humana, con Ourense. Non sei se podería asegurar o mesmo do que foi líder da súa oposición parlamentaria, Tony Leon, da Alianza Democrática, fillo dun xuíz sefardita inglés, chamado Ramón León, e ambos con relación de décadas con Mandela que, incluso, foi convidado á súa casa cando Tony cumpriu os corenta. Pero sen desviarme, creo que aínda que Mandela non tivese relación connosco, todos, incluído o BNG, deben estudar a evolución e procederes do líder africano. Sobre todo, para aprender de estratexia e tácticas políticas. Resúmolles nun par de liñas o que a el lle custou unhas décadas de prisión antes de pilotar a transición á democracia no seu país. O caso é que Mandela, desde antes de saír do cárcere, soubo que non había máis vía cá política, isto é, fuxir de maximalismos, marcarse obxectivos posibles en cada momento, hábil negociación e ir resolvendo problemas. Primeiro aliouse cos brancos máis proclives, algúns deles integrados no seu partido, o CNA; logo, co resto dos brancos de orixe británica, máis flexibles cós afrikaners. Así que se entendeu con estes, empezou a falar cos afrikaners moderados de De Klerk, do mesmo partido que Pieter Botha, o último e radical presidente do apartheid. E así, pouco a pouco, dividindo adversarios, foi ampliando bases para a súa idea de reconciliación baixo o democrático dominio da maioría negra. Os máis radicais, como a súa exmuller, a loitadora e logo ministra corrupta Winnie Mandela, e os do outro lado igual, foron devecendo en apoios. 

E isto vén a conto de que desde o BNG se fartan a dicir que Jácome e o PP son o mesmo e a súa nula disposición a tratar con ambos. E non. O PP fixo alcalde a Jácome por segunda vez? Desde logo. Teñen eles a máxima responsabilidade no tema? Por suposto. Pero todos tiveron falta de cintura e compromiso. E un erro foi considerar a todos igual. A solución de que catro concelleiros do PP de Ourense rompesen o pacto do seu partido e votasen ao PSOE para a alcaldía sen nada a cambio, obviamente, non era viable. Que a moitos lles gustaría? Claro. Que sería complicado logo que o PSOE conseguise tamén a Deputación? Por suposto. Pero é erro grande considerar que non hai nada que negociar porque non é o mesmo DO que PP. Imaxina alguén a Jácome, por un momento, como presidente da Deputación? Non hai razóns para pensar que non aplicase o mesmo modelo que na cidade. Faría desaparecer a área de Cultura como fixo e fai coa Concellería correspondente, e o Centro Cultural Marcos Valcárcel e as súas actividades como fixo co Museo Municipal? Pode. Levarían as axudas anuais as entidades culturais -digamos a Fundación Vicente Risco, Otero Pedrayo, Real Academia Galega... - ou “aforraríaas” para pagar a Panorama, a París de Noia e o Combo Dominicano en actuacións pola provincia? Manteríase o Premio Blanco Amor de Novela? E o Festival de Cine? E o Centro de Cultura Popular Xoaquín Lorenzo e Castro Floxo? E a Escola de Gaitas? E a revista Raigame? Ou seguiría coa idea de “quen queira cultura que a pague... pero o circo gratis”. En fin. Non todo é igual. Tamén no aspecto cultural, a actividade da Deputación é susceptible de moita mellora... pero máis inda dun radical empeoramento. E como o PSOE sempre lles cede en todos os gobernos de coalición -municipais, provinciais e autonómico- esta área ó BNG, o partido nacionalista debería ser consciente, inda que só fose por iso, de que non todo é igual. Non é o mesmo que saia cara ca cruz, aínda que estean pegadiñas na mesma moeda. Significan e deciden cousas distintas.

Te puede interesar