Opinión

Nunca virá de fóra remedio ou esperanza

Celso Emilio Ferreiro escribiu un poema desacougado a un labrego imaxinario, no que lle aconsellaba emigrar. Remataba dicindo: “Mentras o tempo da patria non chega, mentras non pase o tempo que denigra, deixa ise escuro afán que te atafega, Fuco Buxán, ¡emigra!”. Pouco despois, foi el o que marchou a Caracas, pelexou alí cos galegos da Irmandade que lle daban de comer e publicou, en 1968, un libro moi inxusto -como afirmaba xa Luís Seoane- contra os compatriotas alí emigrados, “Viaxe ao país dos ananos”. Xa desde o limiar manifesta o seu cambio de posición. Comezaba o poema: “A xeito de SOS, falo na madrugada, pechai todas as portas e que xa ninguén saia”, aínda que a frase máis difundida será: “Nunca virá de fóra remedio ou esperanza”. 

E efectivamente é así. Nunca ninguén nos resolverá nada desde fóra. E si, Jácome tiña razón no seu discurso de investidura -realmente moderado- pronunciado no medio da tristeza xeral, cando falou de “un día de perdedores e gañadores”. As caras de Cabezas e os seus, de Paco e os seus, falaban soas; pero tampouco había alegría nas de DO. Co himno a gaita do final, parecía un cabodano galeguista. Tamén tiña razón Jácome cando afirmaba que o futuro de Ourense se decide fóra; en Santiago e en Madrid. E as caras longas viñan da conciencia da irrelevancia dos protagonistas locais no remate da partida. Gañar, como fixo Jácome, a través dun pacto co PP de Santiago, asinado “por orde” é feo, pero tragar como tragaron os concelleiros do PP e os do PSOE, non os deixa tampouco en bo lugar. Nin sequera o BNG, o máis coherente só porque a súa forza non tratou con Jácome, pode botar foguetes. O seu único gaño será, de feito, ser “co-líder” da oposición municipal e teimar no “xa o dicía eu”. Pero tratábase de gobernar e non conformarse sempre coa oposición. 

En fin, creo que se enganaron nas formas e, de aí, estes fondos... E sen Baltar no medio a quen culpar. Non mediron ben. Se ante a chamada de Cabezas, o máis votado deles, se xuntan todos tres, mesmo para negarlle a súa solución concentratoria e dicirlle que o PP como creador do “problema” debería pasar a penitencia de formar parte da solución desde fóra, verían máis apoiada a súa alternativa entre os cidadáns non jacomitas. Facer depender a Deputación para o PSOE (con 7 de 25 deputados) da vontade conxunta de BNG e Jácome parece disparatado, cando se trataba, previamente, de eliminalo a el da alcaldía. Conseguir o Concello sen nada a cambio (con 6 de 27 concelleiros), tamén irreal. Ambas cousas, imposible de toda imposibilidade. Novamente.

E eses encontros no parking da Cidade da Cultura e as declaracións de Villarino, por unha banda, e esas fotos da Alameda, por outra, fáltanlle aos que os votaron. Incluso moitos ourensáns consideran o ninguneo a Cabezas e a Paco un insulto ás esperanzas da cidade. As expectativas do venres noite abrían a porta a consolidar unha remuda en ambas institucións: Na Deputación, a do símbolo Baltar, xa lograda, e no Concello, incluso de cor política. O que non era pouco cambio, pero “quen moito enfeixa pouco ata”. Novamente. 

En fin, se cadra ten razón Jácome e, fronte aos de “fóra”, só hai que darse a valer, pois nin sequera asinou que non se vai presentar ás Autonómicas, tal como recoñeceu a secretaria xeral do PP, Paula Prado. Un as na manga para dentro duns meses. Como xogadores de póquer tampouco os quería eu de compañeiros os negociadores do PP. 

En fin, todos pouco de fiar; fixeron quedar aos seus de marionetas de Santiago mentres goberna o exitoso clown de Ourense. En fin, se alguén quere cambio, que constrúa nunha alternativa local, pois xa o dixo o poeta: “Nunca virá de fóra remedio ou esperanza”. 

Te puede interesar