O algoritmo e o diésel

O algoritmo e o diésel

Cando o científico franco-alemán Rudolf Diésel, alá contra finais do XIX investigaba os motores de combustión interna, lonxe estaba de pensar que o seu apelido actuaría como epónimo do tipo de combustible que usarían eses motores. Iso que sempre teño dúbida de se chamarlle “gasóleo” pola vella ou “gasoil” por terminación anglófila. Total, que temos tres palabras sinónimas para esoutro combustible que non é a gasolina para os automóbiles. E que terá que ver iso co “algoritmo”. Pois cóntolles. Trátase da credulidade inercial, esmagadora da opinión pública. Para empezar, non sei o que é un algoritmo. Teño unha idea aproximada de que ten que ver coas matemáticas e coas probabilidades ó chou de algo, pero nada máis. Pedín que mo explicase a filla matemática, pero non o acabei de entender de todo, e iso que ela se explica ben: cousa das miñas limitacións para os conceptos excesivamente abstractos. O caso é que circula por esa rede social que usamos os máis vellos navegantes, facebook, unha cadea como aqueloutras vellas do espírito santo de facer copias de escritos e metelos en buzóns, para, seica, tratar de alterar “o algoritmo” e vermos máis cousas de máis “amigos”, que é como xenerosamente lle chama a arañeira ás persoas que están, digamos, na nosa “axenda” de contactos. 

Pois ben, polo si ou polo non, sen entendermos moi ben como é a cousa, e dado que xentes que temos por asisadas e sensatas, copiaron e pegaron o texto ese do “algoritmo”, pois ao final, dun xeito ou doutro, estendeuse como mancha de aceite en superficie de auga e unha parte importante dos habitantes do ciberespazo, caeu no tema. Cousas do engado marabilloso da maxia das palabras e das explicacións de aparencia científica que non damos entendido ben. Cousas como “bífidus activo”, “zincpiritione”, “auga micelar”... convencen. Dicía Cunqueiro que desque as misas eran en romance -castelán ou galego- perderan interese: “Dominus vobiscum” é misterio, “O señor estea convosco”, unha vulgaridade que entende calquera. 

Ou sexa que o tema do diésel, gasóleo ou gasoil tamén hai credulidade inercial. Deron en dicir que os vehículos a gasóleo son malos e hipercontaminantes e pánico no mercado. E a pouco que un furgue no tema, ve que as cousas non son, nin de lonxe, tan sinxelas. Pero xa o dicía Goebles, cómpre dirixirse ao máis sinxelo do público para chegar a todos. Frase simples, para ben e para mal. “O diésel é malo”, “Espanya ens roba”, “Galicia, calidade”.  E furgando, dicíalles vemos que o problema da contaminación dos coches (un 10% da contaminación total do mundo, por certo), concéntrase nos motores pouco eficientes; ou sexa, nos motores antigos; sexan gasolina ou diésel. Por exemplo, o meu coche, diésel, un C-4 de Citröen -fágolle propaganda por galego- seica bota 95 gr. de CO2 por km, mentres un Range Rover, 376. O tema está relacionado directamente  coa perfección dos motores e menor consumo. Os coches de hoxe son más aproveitadiños, comen todo, e lixan menos. Quen imaxinaba hai anos falar de consumos inferiores a 5, ou incluso 4 litros por cen quilómetros? 

As medidas anticontaminantes que é bo que tomen os gobernos a todos os niveis deberían penalizar os coches que máis contaminen, sexan gasolina, gasoil, e coidar outras cousas -tipo ocupacións escasas- etc. e non demonizar a coches só por apelidárense como o Sr. Rudolf Diésel