Opinión

O partido tarabelo

Vamos ver. Non vou falar do partido dos partidarios do viño Tarabelo de Eladio Rodríguez, de Beade, porque iso sería cousa fácil e de unanimidades positivas. Falo do partido de cuxas xuventudes foi o meu avó Antonio, responsable de finanzas en Ourense ata que a insurrección de Asturias contra a legalidade republicana en 1934 levouno a hibernar a súa militancia, ou sexa do PSOE. Voulle chamar hoxe, cariñosamente, Partido Tarabelo. Como vostedes se cadra saben, tarabelo é un pau atado a un cordel como mecanismo móbil que nos muíños se encarga de que vaia caendo o gran no centro da moa; fai un ruído tra-tra-tra e nunca pára. Por iso tamén lle chaman “tarabelo” a unha carraca movida polo vento que se puña nos campos para escorrentar paxaros, etc. Pero o significado máis usado hoxe xa é o metafórico, dicir de alguén que é un tarabelo é dicir que non será mala persoa, pero non ten formalidade, que tanto di unha cousa como a contraria, como un tarambainas ou un turuleque. 

E como en xeral os perigos non veñen de fóra, é pouco probable que nos caia un meteorito pero moito que se non nos coidamos en alimentación, exercicio e sono, acabemos coa saúde derramada. E así, creo que o PSOE está nunha situación moito máis problemática do que cren os seus militantes, pois parece que o seu primeiro dirixente non está especialmente interesado no futuro do partido. Aínda teño por casa os Cadernos de Educación Popular da chilena Marta Harnecker (1937-2019) que editaba o PSOE e que un amigo me regalou cando por sabia decisión de Felipe González abandonou a fe cega nesa relixión, e foi cando aínda estaba a súa sede diante do Parque Infantil. Neles aprendíase que os partidos son só instrumentos, ferramentas para cambiar a sociedade. E dáme que Sánchez renunciou a axeitar a propia ferramenta, en favor do que chama o “bloque progresista”; algo que ten unha definición simplona: todo o que non sexa PP e Vox. Si. Creo que lle dá moito máis valor a ser dirixente dese “bloque progresista” ca líder do centenario PSOE. Como se cobizase mandar nunha especie do Frente Popular. Para esa táctica frontista de dividir a sociedade usa unha linguaxe creativa, como o neoloxismo “fachosfera” que, a min, a verdade, só me lembra á pegañenta canción de Vicco “La nochentera”. 

Supoño que considerará que se en Italia, Francia, Grecia... os tradicionais Partidos Socialistas desapareceron, pois non é raro que outro tanto aconteza en España, e está ben deixar aberta unha posibilidade de reagrupamento e redefinición. Creo que o PSOE debía mirar para o referente socialdemócrata alemán -o que pagou a súa restauración nos posfranquismo- e non para outro lado. O caso é que creo que Sánchez é, hoxe, pola súa causa, dirixente dun partido tarabelo, con fans en vez de militantes. Tanto ten dicir unha cousa como a contraria e cambiar cada pouco, todos para aquí, todos para alá, como nun baile. E creo que a posición do PSOE na cuestión da amnistía non tivo influencia, pois ese é un problema creado e xestionado fóra, que non vemos como propio. Por iso insistir no tema a favor ou en contra creo que aquí é unha perda de tempo. Pero o que tivo influencia, e vaia se a tivo, é aparecer como Partido Tarabelo, ao que tanto lle ten dicir a coma b ou coma c. Neste lugar do mundo onde os tratos se facían nas feiras cun apertón de mans, confiar na palabra dada é algo sagrado. Os erros, perdóanse, pero dicir unha cousa hoxe e mañá a contraria, e non manter posición nin palabra pois, non tanto. E facer teatro como cos pélets, inda menos. Somos xente seria. Os bancos flipan porque en Galicia non hai impagos nos créditos; antes pasamos fame que faltar á palabra. Iso si que erosiona, corroe e desgasta. Que gobernen -arranxen en ourensán- a casa que ben nos cómpre aos votantes infieis. 

Te puede interesar