Opinión

Paradoxos electorais?

Deixo para outros máis capaces e interesados no tema a análise miúda do resultado das eleccións do domingo porque eu xa a fixera, como lembrará algún lector, o martes pasado, e nin tan mal; desta vez a realidade non se empeñou en levarme a contraria moito. Nin a min, nin a calquera observador non abducido. Que o PSOE ía costa abaixo sen freos, que o BNG collía o pulo, que as excrecións dos extremos españois aquí non pintaban nada, e que o PP era, de lonxe, o que máis sacaba, víao calquera; pois, como diría Fede na TVG, “Era visto”. 

Pero aínda así, permítanme sinalar algún que outro paradoxo, que no dicionario da RAG explica como “Expresión ou cousa que vai en contra da lóxica ou do sentido común; contradición aparente”. E tampouco é mala cousa porque a esencia da liberdade é a capacidade de contradición (ou rectificación ou escolla); doutro xeito, escusaríanse as eleccións. E esa liberdade vivímola os galegos de xeito bastante especial porque desconfiamos do que nos dan feito para que pensemos nunha dirección. Voulle pór algúns exemplos. ¿É un paradoxo, unha rareza, que na terra de Yolanda Díaz, tan omnipresente e potenciada polos medios, saque o seu grupo menos do 2 por cento dos votos, quedando, incluso, por debaixo de Vox? Non. Só que é o lugar onde mellor a coñecen. Tanto que na súa cidade, Ferrol, á penas supera -todo un éxito- a Vox, e colleita 1.333 votos; en calquera caso uns 500 máis que en toda a provincia de Ourense. ¿É un paradoxo que unha das participantes no debate a cinco, a de Podemos, cuxa intervención foi ben valorada, obtivese o 0,26 dos votos? En absoluto. Podes pensar que alguén é boa persoa e que se desenvolve ben, e punto. ¿É un paradoxo que na cidade de Abel Caballero, onde o PSOE ten maioría superabsolutísima, quede nestas eleccións de terceira forza, onde non chega nin a 1/3 dos votos do BNG e PP xuntos, e que outro tanto pase na Coruña onde goberna? Ou mesmo que DO saque na nosa cidade un resultado semellante; ou sexa terceiro, 10.000 votos, contra 45.000 dos tres outros? Pois en absoluto, a xente pode ter as mans ocupadas pero cerebro libre, e en cada elección vota como lle peta. E pétalle ás veces para aquí, outras para alá, e outras, incluso, para acolá.

¿É un paradoxo que o BNG consiga os seus mellores resultados nas franxas de idade máis novas e zonas xeográficas de Galicia onde menos galego se fala? Pois se cadra isto indica que somos unha comunidade homoxénea, máis alá da lingua de uso, e que hai unha boa actitude ante o seu reforzo polo que facer campaña coa ameaza da “imposición” do galego non achega nada bo. Como as excursións de falabaratos -e falabaratas- do leste. A influencia no voto de que veñan Sánchez, Ayuso, Errejón ou o sursumcorda, e das parvadas que digan, é cero. Estas eleccións son cousa nosa. 

¿É un paradoxo que o gañador sexa o do líder que peor galego fala, e que máis receo amosa aos posibles avances na hexemonía social da lingua? Se cadra a resposta está en que o PP é o partido que máis se parece á Galicia real, onde conviven as igrexas románicas e os pendellos de uralita. (Cando Fraga ocupou San Caetano, íalle un funcionario da SXPL, cuxo nome ben lembro, dar unhas clases particulares antes de comezar a xornada laboral. Tampouco era mala cousa). 

Só unha reflexión. Mentres non exista unha forza conservadora galega que lle poida “ripar” apoios ao PP, non haberá outras combinacións de goberno, pois os votos PSOE-BNG son vasos comunicantes. Ou sexa, que se o PP afrouxa esa “identidade galega” en vez de reforzala, podería ir mal. Parabéns a PP e BNG e que lean ben os resultados.

Te puede interesar