Opinión

As pinturas do parador de Vilalba

Éo que ten viaxar. Topas cousas novas. Ou vellas que descoñecías, polo que ser, son noviñas do trinque para ti. E iso mesmo me pasou esoutro día aí atrás cando fomos dar unha volta polo norte de Galicia aproveitando o bo tempo -ímoslle chamar así- que tivemos no mes de xaneiro pasado. 

O caso é que a primeira parada foi Vilalba. Chegamos alí á hora exacta para tomar un cafeciño, e seguir cara á costa norte de Galicia, un dos lugares máis fermosos do mundo e onde se come o mellor arroz con lumbrigante -ou bogavante, pola fala castelá- do planeta Terra; nos outros, habería que mirar.

O cafeciño foi, claro, no Parador de Turismo que hai na Torre dos Condes. Este forma parte da ducia de paradores que hai en Galicia e que se foron construíndo entre 1955, que empezou polo de Pontevedra (supoño que Filgueira algo tería que ver), e o 2020, en que se inaugurou o de Muxía, e iso si, foi grazas ao Prestige, pois doutro xeito nunca se lles ocorrería. 

O caso é que visitamos a parte visible do parador, entre eles o salón no baixo da torre medieval octogonal. Tiña o tal cheminea, teitos moi altos con artesonado, grandes fiestras, sofás e mobles tipo castelán, coiro e madeira; todo onda parador. Unha escaleira e un ascensor comunican cos seis cuartos que alí hai, pois hai máis na zona nova. O lugar (co nome de Hostería, sen mencionar “parador” en ningún momento) aparece como acabado de inaugurar no NODO 1248A do 14 de agosto de 1967 -marabillas da web- e pouco cambiou nestes aniños. Para a nosa sorpresa, vimos uns murais, sen sinatura, sen data, nin ningunha placa ou referencia, pero indubidablemente da man de Virxilio. Do noso Virxilio Fernández Cañedo (1925-2011).

As pinturas eran grandes e variadas nas súas cores ocres, figurativas, case coptas ou medievais. Unha a modo de tímpano debaixo dun arco do teito representa a Fernando de Andrade a cabalo, cunha inscrición que remata “loitou pra conseguir voz e asento de procuradores nas cortes de Castilla. Foi o segundo conde de Villalba”. Outro, como se foxe unha páxina enorme das Cantigas de Santa María, representa baixo arcos a nove figuras nobres, con cadanseu nome. Outro leva unha figura dun oso e dun xabaril animais símbolo dos condes do lugar. Logo dous menores levan figuras de pelexa ou galantes. Un deles, cunha lenda que di: “O troveiro Canedo canta o feito por Roi Xordo no ano MCDXXXI”, representa a Roi Xordo co seu escudo coa cruz de Santiago e a un trobeiro co seu laude. Hai un par deles máis cun brasón sobre a cheminea e unha torre. 

Para certificar a autoría -insinuada tamén no nome do “troveiro”- preguntámoslle en recepción e non sabían, pero a persoa que nos atendeu, dilixentemente, revolveu papeis escaneados sobre as orixes e topou o dato. Si. Apareceron tres nomes como autores da decoración: Virgilio Fernández, Jaime Quesada e Jose Luís de Dios. 

E preguntándolle a Acisclo -memoria viva do ambiente daquel tempo- comentounos que si, que efectivamente Moncho Alonso, na súa calidade de cuñado de Pío Cabanillas, promocionou os artistiñas ourensáns para que colaborasen na decoracións dos paradores que se estaban abrindo. Miña prima Chus, a muller de Xaime, tamén tiña esvaídas lembranzas que nos levan aos tempos en que se coñeceran. En Baiona, e noutros paradores, seica tamén debe haber. Que non asinasen enténdese que porque pouco menos que eran contratados como pintores de brocha gorda. Un bonito tema para turrar de fíos e documentos e afondar cun artigo nunha revista de arte. A ver quen se anima.

Te puede interesar