Opinión

Pola desaparición da UPG

A UPG, como o Opus Dei ou calquera outra organización secreta ou semisecreta que funcione como lobby de presión pero que xamais se enfrontase a cara descuberta co sentir popular, coas urnas, tivo os seus acertos e os seus erros. Pero esa alerxia natural nunha organización relixiosa non o pode ser nunha organización política dunha democracia occidental, porque así deixa de lado en certo xeito a propia natureza política democrática -a idea das urnas como única vía de lexitimización- e pasa a converterse nun oculto grupo de iniciativa e presión que funciona a través de terceiros. E por esa natureza oculta nunca son fáciles de valorar e contrastar pola cidadanía eses acertos ou erros. 

E si. Creo que a UPG acertou plenamente no seu nacemento, alá por 1963, cando quixo ofrecer unha plataforma política aos mozos progresistas de Galicia máis alá das “metafísicas da saudade” e outras cousas etéreas coas que enredaban os vellos galeguistas. Creo que se enganou cando axiña optou polo marxismo-leninismo e andou nas malísimas compañías de ETA e o PSAN (p) -a declaración conxunta o 1 de maio de 1975 é clave, está na rede- e empezou un tempo de colaboración armada (roubo DNIs de Lugo, etc.) e que acabou coa inútil e evitable morte dun rapaz de Ferrol. Creo que acertou cando potenciou unha rede de asociacións culturais por todo o país que serviu de auténtica universidade popular nos anos da Transición. Creo que se enganou cando atacaron frontalmente ao galeguismo (“agudizar as contradicións” dos “pseudonacionalistas” dicían) fose este de dereitas ou esquerdas, como Ramón Piñeiro, Carlos Casares, Camilo Nogueira, Celso Emilio ou Blanco Amor, ou o vello PSG. Creo que se enganaron ao non ler os tempos, cando marcharon do Parlamento Galego por non cubrir o trámite da xura e aínda resoa nos meus oído o de “Camilo, mona, Castelao non se traiciona” dito no boicot á traída dos restos de Castelao en 1984; Camilo perdoou -é un gran tipo-, eu non. Acertou a UPG cando decidiu participar nas institucións e distanciarse de HB naquelas europeas onde esgazou o partido, saíndo os máis radicais que seguiron coqueteando cos tiros e sopas de siglas minoritarias, mentres eles fundaron o BNG - sublimación da alianza electoral entre a UPG e a súa plataforma de masas, AN-PG, que se chamara BN-PG- pero errou en non sumar á disolución da AN-PG a súa propia. Fíxense que dos tres asinantes daquel pacto insurreccional de 1975, os outros dous xa desapareceron. PSAN (p) e ETA disolvéronse. Só a UPG se mantén como “gardián das esencias”. Creo que acertou en manterse cohesionado e traballando en espera de novos tempos, fronte aos cantos de serea das Mareas e demais ocorrencias de importación.

En fin, creo que calquera analista interno ou externo ve que canto máis amable e moderada é a cara do BNG -ou sexa canto máis lonxe aparece dos vellos postulados marxista-leninistas da UPG e máis se amplía o sorriso e saber estar de Ana Pontón e Noa Presas- máis simpatía esperta. Obviamente, como na caída do franquismo ou na disolución da URSS, a cousa ten que vir de dentro. Nada do que digamos desde fóra ten a mínima relevancia. Por iso, Pontón debe propiciar esa disolución da UPG e promover un harakiri colectivo de siglas internas para centrarse só no colectivo. Así restaríannos argumentos aos que lembramos estas cousas feas, moitas acontecidas antes do nacemento das mulleres que mandan no BNG. Para anchear os camiños, hai que empezar por rozar as silvas das beiras, por vellas que sexan. Hoxe nin a UPG nin as outras siglas achegan, non “suman”. Ferramentas vellas e pasadas de moda ocupan sen valer para nada. Funeral discreto, banquete incluído, e punto e á parte. 

Te puede interesar