Opinión

Pola disolución da UNRWA

AUNRWA é a axencia da ONU para axuda a Palestina que, creo, debe desaparecer e seren asumidas as súas funcións pola outra axencia da ONU para os refuxiados, a ACNUR. E non digo isto polas noticias de que funcionarios da UNRWA, á súa vez militantes de Hamás e da Yihad, participasen activamente nos asasinatos dos israelís o 7 de outubro; por iso, os países máis serios de Europa (Francia, Alemaña, Austria, Reino Unido, Italia, Bélxica, Holanda, Finlandia, Suecia, Islandia, Suíza...) á parte doutros do mundo (EEUU, Canadá, Australia, Nova Zelandia, Xapón...) lle retirasen a súa subvención (España, por certo, debe facer outro tanto e non quedar, novamente, illada). Debe desaparecer porque non é lóxico que haxa dúas axencias co mesma función, unha para un lugar e outra para o resto do mundo, e con políticas opostas. Explícome.

A acción humanitaria da ONU debe ir na liña de arranxar os problemas das persoas; os problemas políticos dos territorios, son doutro nivel. Logo da II GM, 14 millóns de alemáns deixaron as súas casas natais no leste de Europa e desapareceu a “xermanía” de rexións históricas como Prusia, Silesia, Pomerania, xa noutros países. E foron trasladados e integrados en Alemaña Occidental nun proceso caótico no que morreron, seica, 2 millóns de persoas. Para pór orde no caos fúndase en 1950 ACNUR (Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados) coa idea de facilitarlles a integración na nova Alemaña en cinzas. Logo, ACNUR ocupouse doutras traxedias, tratando sempre de resolver problemas. Así actuou nas guerras de Xugoslavia, onde 1,6 millóns de persoas foron desprazadas e asentadas en zonas homoxéneas de serbios, bosnios, croatas. Porque do que se trata é de que o refuxiado deixe de selo e se integre na sociedade onde a historia, xusta ou inxusta, o levou. A condición de refuxiado non é, non pode ser, estigma hereditario, chega conque unha xeración a sufra. 

Pois ben, fronte a ACNUR, existía UNRWA desde 1949 para atender aos 400 mil palestinos que saíron do seus fogares no contexto da derrota árabe tras a agresión ao nacente Israel en 1948. Pero a axencia non desenvolveu á política de integración nas terras árabes, irmás, de lingua e cultura, senón que leva durante varias xeracións remoendo os odios dun colectivo marxinado. En Líbano, por exemplo, non teñen dereito a voto, nin a ter casa, acceso á educación, sanidade, ou traballo fóra dos campos. De Xordania (o 80 por cento do terreo do mandato británico de Palestina) foron expulsados os militantes palestinos no famoso Setembro Negro, e aínda despois de intentaren asasinar dúas veces ao rei Husseín e asasinaren ao xefe de Goberno en 1971, teñen máis dereitos que en Líbano. Exipto, que ten a chave da fronteira sur de Gaza e un valado non menos agresivo que o israelí, ten máxima prevención con Hamás, por seren parte dos Irmáns Musulmáns que asasinaron a Sadat en 1981 por ter asinado a paz con Israel, e cuxo asasino, por certo, ten rúa dedicada en Teherán. E neste difícil contexto, lonxe de traballar pola integración nos países de chegada, esfórzanse xunto coas belicosas dirixencias palestinas en manter as feridas abertas co soño imposible da “volta” a casa. Nin caben. Non cadran as contas. Marcharon 400 mil, din para volver 5 millóns. A arma demográfica, a tope. Gaza tiña, en 1950, 250 mil habitantes; en 2005, 1,3 millóns; hoxe 2,1 millóns. 

Para rematar, Israel explicoulle aos aliados que o 10 por cento do 12.000 empregados da UNRWA son militantes activos de Hamás e da Yihad, e outro 50% son parentes directos e así, forma parte do problema que non da solución. ACNUR debe tomar o relevo, distribuíndo axuda, diluíndo odios, educando para a paz. 

Te puede interesar