Opinión

Un quinto centenario moi "noso" en 2025

En síntese, cando chegou Elcano despois de dar a volta ao mundo en 1522, rematando a expedicións de Magallanes, o rei Carlos I pensou que podía ser moi rendible chegar ás illas das especias, as Molucas, por América e gañarlle a partida aos portugueses que ían por África. Así que encargou unha expedición de sete barcos que saíu de Coruña a véspera de Santiago de 1525 ao mando de García Jofre de Loaysa. Nela volvía ir Elcano con catro barcos que armou en Guetaria, cheos de parentes seus para que participasen nos beneficios das especias, e máis tres barcos armados na Coruña -entre eles un chamado San Lesmes- e cuxas tripulacións era maioritariamente de mariñeiros galegos. 

O caso é que a expedición foi un caos. Dous barcos perdéronse antes de cruzar o estreito de Magallanes; outros dous, ao pouco de pasaren, e dos tres que quedaban, dun, do San Lesmes, non se volveu ter noticia, mentres que os dous restantes andaron dando voltas Pacífico arriba e abaixo sufrindo grandes penalidades. Ata o punto que tanto Jofre de Loaysa como Elcano morreran cando chegou á Illa de Guam, tal que o 5 de setembro de 1526, a nao Victoria, a mesmiña coa que Elcano xa dera a volta ao mundo. E alí estaban os mariñeiros porfiando en se desembarcar ou non, pois moitos preferían morrer a mans dos indios antes que no barco de escorbuto e fame. E nestas, achegouse unha canoa con indios. Para pasmo de todos, o que tiña a pinta máis terrible faloulles con acento galego: “En buena hora vengáis, señor capitán, maestre y la compañía”, e logo de pedir “seguro real” -un indulto, non se fiaba- subiu a bordo e explicoulles que era desertor dun barco da frota de Magallanes que decidira dar a volta cara a América, nunha illa a uns mil de quilómetros ao norte, que vivira catro anos cos indios: “Soy gallego y me llamo Gonzalo de Vigo, y sé muy bien la lengua de las islas”. E tamén falaba algo de malaio e outras varias. A partir de aí, facilitoulles as cousas, e seguiu coa expedición facendo de intérprete e intermediario nas loitas entre españois e portugueses e os seus aliados indíxenas ata que se lle perde o rastro. Nin sabemos se volveu a España, onde chegaron uns poucos en 1536. A guerra con Portugal nas Molucas fora inútil porque o rei xa lles vendera por 350.000 ducados de ouro a exclusividade do comercio coas illas. De aí que inda lles quedase Timor oriental ata non hai tanto.

E do San Lesmes perdido no sur do Pacífico non se volveu ter noticia. Pero o investigador australiano Robert Langdon (1924–2003), da Australian National University, sostiña que deixou a súa “semente” por todo o Pacífico sur, tanto racialmente -xentes brancas, loira ou de pelo roxo, con ollos azuis- como culturalmente, desde as velas latinas de Tahití, os horreos de Nova Zelanda, etc. Áo parte de canóns recuperados en Amanú, tradicións orais, etc. O seu libro “The lost caravel - reexplored”, de 1988, versión dun anterior, sobre destino do barco, está sen traducir, pero pódese topar na rede o PDF. Unha delicia de estilo xornalístico amable e fluído.

Xa me dirán, pero creo que unha expedición que sae da Coruña en 1525, para a cal se crea a Casa de Contratación da Especiaría, que dura alá desde 1522 ata 1529 en que se renuncia ás Molucas, que topan un de Vigo na Illa de Guam que lles salva o pelello aos que sobreviven, e co galego San Lesmes, que esparexe influencias por todo o Pacífico 200 anos antes que Cook fose por alá -Robert Langdon di que o guapas que eran as tahitianas que engaiolaran a Gauguin era polos devanceiros galegos- ben merece unha atención de aquí a dous anos. Tempo había para preparar algo. 

Te puede interesar