Opinión

O renacemento da feira do Vinteún

O topónimo “vinteún” de Ourense é curioso e transparente, como sabemos. Había alí, nun campo, a feira ese día de cada mes, desde indefinida data remota, pero coa integración de Canedo en Ourense, no 1942, deu en devecer ata a extinción. Tamén conta, se cadra máis, como sabemos o cambio de ritmo de vida. Antes as feiras eran o centro da vida económica e social que xiraba ao redor do gando, vacas sobre todo, e das ferramentas e produtos do campo. E cos establecementos comerciais espallados masivamente, pois mirraron ata case desaparecer. De feito desapareceron moitas. A vaca, símbolo da vida e da paz para Castelao, estaba case integrada na familia. Aínda lembro durmir en Randín coas vacas abaixo dando calor “humano” ao conxunto. Épocas aquelas en que as vacas se chamaban Marela, Perla, Cabana, etc. e sabíase da “personalidade” de cada unha. Pero ese mundo desapareceu, igual que os carros de vacas. E desapareceu a feira do 21. E agora a novidade é que uns románticos desexan recuperala. E que me parece? Pois marabilloso e moi boa idea. E nada de románticos en sentido pexorativo, senón visionarios de futuro. Explícome. Agora, as feiras, teñen moito de espazo de intercambio comercial novo, de iniciativa, de integración, de pluriculturalidade, son espazos dinámicos de modernidade e emprendemento e, sobre todo, teñen un compoñente lúdico e de relación social que cohesiona. Hoxe ir comer o pulpo o sete ou dezasete á feira é un hábito de boa xente, de bos compañeiros de traballo. Isto é algo que aínda que desaparecese o carácter agro-gandeiro, fai boa a súa existencia.

E a feira do vinteún, nesa metade norte da cidade con tanta personalidade de seu –“imos a Ourense” din aínda moitos ao cruzaren o río ao sur, creo que será un éxito. Axudará a dinamizar a vida económica outorgándolle un aliciente máis, vivo e activo a unha zona da cidade que carece, case de elementos referenciais, máis alá dunha estación do tren que está nunha beira. No Couto, Fátima e o Campo de Fútbol. No Ourense das Lagoas, universidade e institutos. Na zona sur, Xardín e Cuña, Hospital e Residencia. No Ourense leste, San Francisco, o Cemiterio e Montealegre. Deste xeito, creo que a recuperación, realmente a creación pois será todo ex-novo, dunha feira que empate coa tradición os días 21 sería útil e non excesivamente difícil porque as feiras teñen a súa dinámica propia e as que teñan que ver coa parte lúdica e identitaria, máis, e se “prende”, prende. Igual que se monta os días 7 e 17 un mercado enorme e variadísimo ao redor do Barbaña -centos de postos de toda clase- e igual que se vai comer o pulpo a outro extremo da cidade, concentrar ambas cousas na zona da Paza do Vellao os días vinte e un, deberá ser un éxito. E digo Vellao con uve, porque sen dúbida o nome vén dun xentilicio dos naturais de Velle. Como “limiao” ou “caldelao”. Saben que isto de recorrer á orixe para denominar un lugar, non é nada raro. Á Castellana que lle deu nome ao lugar ao lado do Polígono de San Cibrán aínda a coñeceu a miña avoa Nemesia, de Cudeiro, mestra naquelas terras, e que estudou para mestra, grazas aos cartiños que ía facendo seu pai coa venda de gando e viño... na feira do Vinteún. Por iso, entre outras cousas, me encantará ver o éxito futuro. Felicidades aos promotores e como se dicía daquela, “vémonos no vinteún”.

Te puede interesar