Opinión

Os resultados electorais


Como o sábado estaremos reflexionando, adiántolles hoxe o comentario sobre o resultado das eleccións porque que aínda non se celebrasen non é tan relevante. As cousas están clariñas... polo menos como as noites de lúa chea. Ademais, se non acerto nas previsións, a culpa é da realidade que se empeña en levarme a contraria; como tantas veces. E téñolles dereito a opinar de todas as forzas políticas pola sacra liberdade de expresión, de pisar e batuxar en canto charco tope no camiño; e porque lembro ter votado ás tres forzas forzas (PP, PSOE, BNG) nalgunha ocasión. Congreso, Senado, municipais, autonómicas, europeas... hai ben onde se enganar, e saiban que a esencia da democracia somos os votantes infieis.

Para empezar, quero felicitar polo seu éxito a Ana Pontón. Aínda que non gañe a presidencia da Xunta -o detalle saberase o domingo á noite- consolidaría, por terceira ou cuarta vez, o sorpaso a un PSOE desnortado, unha vez desaparecido de feito o PSdeG, e certifica o enterramento da ultraesquerda española, chámese Podemos ou Sumar, que aquí, a verdade, pintan coma Vox, nada. A Pontón pídolle que se fixe ben nos seus votantes, que non o fixeron por ir en manifestacións da man dos de Bildu ou dos de ERC e asociárena á idea da “superación” da monarquía constitucional e autonómica senón polo seu sorriso -e o de Noa, en Ourense- pola súa imaxe moderada e moderna e a boa consideración que teñen os gobernos municipais de Pontevedra, Allariz, etc. Si. E perante a deserción política das elites culturais que xestionan institucións e empresas culturais do país que optaron por non implicarse nunca en ningún proxecto anovador do galeguismo senón en facerlle as beiras a quen gañe, Ana Pontón aproveitou a oportunidade de ocupar todo ese espazo, moderado ou radical. E en Galicia, máis queren saber os galegos quen os faga sentir orgullosos do seu, que do marxismo-leninismo dunha UPG acochada no seu tobo. Aquí non hai para escoller como entre os vascos e cataláns, pois só está o BNG; seguramente unha mágoa. Parabéns e que saiba ler ben os seus progresos e encamiñalos ben.

O PSOE de Galicia, claro, debe acometer unha reflexión fonda e unha refundación en clave galega. Non se deben conformar co seus pírricos resultados, nin contar os éxitos do BNG como propios, e deben pensar nos tempos en que foi quen de atraer á metade do histórico PSG, logo abriu as portas ao máis construtivo da intelectualidade galeguista (Piñeiro, Casares, Conde, Casal, Ceferino Díaz...) nos tempos da furia da UPG contra a Constitución, contra a Autonomía, contra a volta dos restos de Castelao, contra as normas lingüísticas e contra todo o que non controlasen directamente. De aquel grande PSdG-PSOE chegamos a estas pequenas taifas vasalas de Ferraz enredadas en eternos díxome-díxome internos e ignorando nas listas aos mellores. 

Que o PP gañará as eleccións ninguén o dubida. Outra cousa é se chega á presidencia -detalle, a confirmar ou desmentir o domingo-. De momento, son o partido que máis se parece ao país por iso vencen. E debe saber que pola banda de Vox hai pouco que gañar: non existe. E axitar o temor á “imposición lingüística” en momentos nos que vemos como o uso do galego vai costa abaixo, a verdade, fai esluír o seu discurso galeguista que tan bos resultados lle deu sempre e que deberían reafirmar se non queren que o BNG lles acabe pasando por riba. Este é un país fundamentalmente conservador (conservar a lingua, a natureza, a economía, a liberdade) no que nos gusta que as cousas funcionen. E non pelexar. Por iso á parte de conservador, somos conversador. Entre nós, e na nosa lingua. En fin, parabéns por adiantado ao presidente... ou presidenta. E Armando Ojea? Ah. pois, claro, tamén a el. Nunca noutra se viu.

Te puede interesar