Opinión

A shoá e a guerra do 7 de outubro

Son moi curiosas as comparacións ridículas (confundir o touciño coa velocidade, o cu coas témporas, etc.) para falar de dúas cousas non teñen nada que ver. E podémolas aplicar á asimilación entre o xenocidio nazi (a “shoá” e cuxa lembranza se celebra hoxe) e as consecuencias desastrosas que trae sobre o pobo gazatí a guerra que o 7 de outubro iniciou Hamás contra Israel cos seus 1.200 asasinatos e 250 secuestros de civís.

O holocausto ou shoá foi un intento de xenocidio do pobo xudeu teorizado e levado a cabo por Hitler e os seus aliados. Incompleto, pois só deron matado a seis millóns que vivían en Europa, e non chegaron a outros once millóns do resto do mundo. Antes comezaran “limpando” Alemaña dos “seus” discapacitados físicos e psíquicos co programa T-4 de eutanasia forzada que levou por diante, disque, unhas 200 ou 300 mil persoas. E tocoulle logo a homosexuais, xitanos e, claro, xudeus. Os nazis chamáronlle Endlösung á “solución final”. E con meticulosidade xermánica téñeno todo apuntado e recollido nos seus papeis. Empezaron artesanalmente cos Einsatzgruppen -sobre todo en Bielorrusia, Rusia, Ucraína e Países Bálticos- pero iso dos tiros na cabeza era unha traballeira lenta, pesada e sucia, así que se industrializaron coas cámaras de gas; o Ziklón B era máis eficaz: moita xente de vez, aproveitamentos secundarios (ouro de dentaduras, ensaios médicos, etc.). E isto fixo mover trens e complicidades por toda Europa... 

A cousa é clara pero fronte ás evidencias, igual que hai terraplanistas, hai quen nega este holocausto desde a extrema dereita racista e o islamismo radical. Ambos participaron nun encontro conxunto en Irán en 2006, e en 2015 incluso convocaron un concurso mundial de caricaturas. Hamás participa desta pulsión negadora, e pola súa banda teoriza, aplaude e practica a morte indiscriminada de xudeus, como cando o día 7 de outubro abriu as portas do inferno, coa idea simple de aterrorizalos e provocar coa guerra a solidariedade do mundo musulmán e non musulmán cos máis débiles, que non por selo teñen que ter a razón. E si, hoxe a guerra móvese en dúas frontes, a do campo de batalla e a do campo do relato. E está sendo moi dura en ambas frontes e vexo a Hamás dominando a do relato pois a maioría dos medios occidentais “compran” acríticamente xunto coas imaxes terribles, o relato das autoridades de Hamás, incluídas cifras de vítimas que, por seren de parte, non teñen por que ser fiables. Como tampouco o terían que ser as da parte israelí, que di que leva eliminado uns 9.000 combatentes palestinos, sen concretar a de civís inocentes, pero lembrando sempre a súa coñecida e pública política de minimizar vítimas cos avisos e facilidades para mover civís fóra das zonas de combate. 

Esta guerra, coma todas, é dura, fea e horrible, e en todas morren moitos inocentes e xente por fogo amigo, como os tres reféns israelís a mans do IDF, ou os producidos polos foguetes palestinos que caen sobre Gaza, de momento uns 1.060, un dez por cento dos que lanzan a Israel. E pódense tratar de evitar unhas e outras mortes ou promover a exaltación e práctica do martirio para maximizar vítimas e, con elas, a empatía mundial. Desde logo a valoración da resposta israelí ás masacres de Hamás o 7 de outubro e outro tanto da actuación dos colonos en Cisxordania debe ser libre, pero usar a palabra xenocidio é un disparate, pois, obviamente, Israel non trata de eliminar o pobo palestino, só a Hamás, iniciador da guerra. Os aliados tampouco quixeron eliminar o pobo alemán ou xaponés, senón só acabar cos nazis ou o militarismo nacionalista nipón que comezara a guerra. Iso si que é un paralelo. Pero de xenocidio, nada. Non me sexan inxenuos.

Te puede interesar