Opinión

Todos cos labregos


A pouco que se rañe na casca das nosas árbores xenealóxicas asoma o xen labrego. Si, todos temos na nosa heráldica familiar sachos e aguilladas, terra e gando sempre. Nunha, en dúas, tres ou catro xeracións, todos tripabamos terrón, cavabamos viñas, matabamos porcos e tanguíamos vacas. Así as minúsculas cidades de hai un século son hoxe urbes de bos servizos. Noutras palabras, todos temos vivencia ou memoria, directa ou herdada, de sacho, legón, fouce e gadaña. E se pasaron os tempos de autoconsumo case absoluto -como nos da posguerra nos que se comía ben mellor na aldea que na cidade- hoxe a economía de produción agro-gandeira en Galicia, España, Europa está en grave crise de subsistencia polas leis emanadas desde fóra dese mundo. E iso non pode seguir.

Un sistema social novo, unha integración planetaria a reorientar, deu volta moitos valores, e o traballo, o esforzo, o servizo ao común pasaron a ter menos consideración que o baralle infantil e catastrofista e a presunta modernidade dunha globalización ao servizo dun poucos. E esa forma de pensar e ver o mundo é moi perigosa se eles controlan os boletíns oficiais de Galicia, España, Europa. As ocorrencias, nas súas casas. Se lle queren botar un rustrido de allo e pemento ao café con leite, que o fagan; pero que non nolo fagan probar.

Hai algo máis importante para unha sociedade que a soberanía alimentaria? Hai algo que debamos valorar máis que ser capaces de producir alimentos suficientes para nós? Hai algo máis disparatado que nos cheguen patacas de Exipto, cordeiro de Nova Zelandia, pementos de Marrocos, leite de Francia mentres agonizan as posibilidades de vida dos nosos labregos, eses cos que compartimos o orgullo dos escudos familiares de eixada, fouce, estadullo e roda.

Eses señoritos (técnicos ou políticos), eses señoritos de avión e moqueta dictan normas imposibles para os nosos homes e mulleres do tractor e estrume. E así, desagradecidos, mordendo as mans que lles dan de comer, acusan aos agricultores dos males do mundo e tratan de facer un mundo rosa de Barbis no que sempre aparecen corifeos do medo e fanáticos do desastre. Á decota dun carballo, á pura poda de calquera árbore, chámanlle mutilación; á súa corta, asasinato; matar un marrau, asasinar unha vida. Parece que hai que chorar pola morte do lobo ou do probriño xabarín e non pola sorte do labrego. 

E si, vexo os tractores polas rúas de Ourense e sinto nunha empatía natural, telúrica, irmandiña, con ese pobo adornado de múltiples bandeiras que conflúen nunha única razón. 

Un voo entre Madrid e Buenos Aires, ida e volta, por exemplo, consume no mellor dos casos, uns 300.000 litros de combustible. E logo o problema da contaminación é dos tractores ou do gasóleo dos nosos vehículos? Tratar aos campesiños europeos como inimigos do futuro é dunha miopía histórica descomunal. Coa fabricación en China desapareceu de Europa o tecido produtivo en moitos sectores, facer o mesmo cos alimentos, externalizando as producións a África ou América, é simplemente suicida. 

Creo que os galegos todos, tan próximos e orgullosos das nosas raíces, estamos cos dos tractores e granxas, e non cos dos Audis de lunas tintadas e corrupcións por “lobbys”. Para comer papeis chegan os ratos. Neste tempo de Entroido déixennos a nós cos que fan posible os cocidos de grelos ou repolo con patacas, chourizo, lacón e cachuchas... que non veñen, precisamente, de Bruxelas. Ánimo e adiante. Estamos convosco. Sempre. Sen vós non hai futuro.

Te puede interesar