Opinión

Túneles e discotecas

As discotecas son “coleccións de discos e lugar onde se gardan” e tamén, segundo a RAG, o “local onde se poñen discos e a xente pode bailar”. Claro que esta segunda definición é un pouco antiga, pois hoxe máis ca discos, son discos duros, música en pendrives, etc. Pero a xente segue bailando nelas. E aínda que non sexan tempos de Auria, Dominique, Nitóns, 3A, Long Play, etc., hai outras, das que, a verdade, non lles podería contar moito... ou máis ben nada. Pero seguen sendo sitios de música alta e luces pestanexantes. Dicíame hai unha chea de anos o amigo Superpiñeiro que existía unha relación directa entre o volume da música nun local e o consumo de alcohol. Que tal estaba estudado e por iso os donos “obrigaban” os DJ a poren a música alta. A cousa era clara, se a xente non se dá entendido polo ruído e as luces, bebe. Lembrarei sempre con espanto a discoteca Clangor de Santiago, que se anunciaba precisamente co lema de “la discoteca donde no podrás ni hablar”. Pero si, música e luces cambiantes de colores, flashes, están aí para captar realidades entrecortadas, imaxinadas, intuídas, soñadas.

Os túneles son outra cousa. Hai tempo nunha daquelas “Bolboretas” escribía que a palabra era nova, que viña do inglés ou do francés e que a vella nosa era “mina”, moi latina ela. Pero así como nas discotecas a xente está desexando estar dentro e canto máis tempo mellor -ás veces hai que rifar coa clientela para que marche- creo que nos túneles todos temos a vivencia contraria, estamos desexando saír. E isto vale igual para os de ferrocarril que para os de coche e algo ten que ver en que non sexamos toupas. Incluso os mineiros, e con máis motivos, claro, están desexando saír do “tobeira”. 

E hai días lin con incredulidade que ían facer obras no túnel da Cañiza para cambiar as luces por leds e que ían pechar alternadamente só o túnel no que se estivese traballando. Esperei a ver se alguén dicía algo, pero nada de nada. Parece que a filosofía que domina é de “mentres o pau vai e vén, descansa o lombo”, tamén coñecida por resignación cristiá. Pero eu como lles son medio xudeu -non no sentido relixioso, que aí son neutral e, por outra parte bo comedor de porco, senón no tradicional de “atravesado” e “repunante”— pois estou noutra. Así pois, berro: como que van facer obras de novo no túnel da Cañiza? Luces? Se parece xa unha discoteca! Non coñezo túnel máis iluminado, no que máis cartos se leven metido que este da Cañiza. Como que van pechar de novo un sentido e teremos que volver polo monte? Non sei se será cousa de lles contar o chiste do avogado novo e o preito. Ese que mentres o pai avogado estaba doente, o fillo vai e resolve o caso que tiñan entre mans e coméntallo ao vello prostrado na cama. O pai bota as mans á cabeza e en vez das gabanzas que esperaba o rapaz, dille: “Ai!, que fixeches, que levabamos vinte anos vivindo dese preito”. E si. Parece que hai alguén que ten o seu negocio centrado no túnel da Cañiza. Alguén, seguro, que non vive en Ourense nin en Vigo. Cheira a Madrid.

En canto a obras públicas, vivimos algo disparatado. Cada vez que vou en coche á estación de tren e teño que dobrar “lambendo” o mazacote de pedra ese que está a corenta centímetros da raia do arcén, pregúntome como ninguén impediu semellante disparate... ata que se espete alguén e logo laiarémonos. E como fixeron unha explanada indefensa? E como as saídas do parking están lonxe da entrada á estación? En fin, se nada o impide, arranxarán todo cun túnel para vir desde Seixalbo dando a volta por baixo de Montealegre, avantando o río Loña en Santomé, furando o monte de Velle para saír ó miradoiro do embalse antes de sobrevoar as piscinas de Oira. Ai sentido común! Non pido máis. 

Te puede interesar