Opinión

Turbulencias na galaxia

Teño accións de Galaxia da súa fundación, en 1950, de meu avó. Meu pai foi vogal, e creo que tesoureiro un tempo, e asistiu a todas as ampliacións de capital dunha editorial que, por principios, nunca repartiu beneficios senón que reinvestiu en cultura. Eu mesmo comprei accións sabendo que máis eran un “crowfounding” para tapar ocos ca un investimento. Polo tanto, teño compromiso coa “casa” desde as tres xeracións que ten de vida, pero non vivo nela.

Estes días andan revoltas as augas -e dóeme- pola áspera dimisión do seu director, Paco Castro, forzada pola falla de apoio á súa persoa por parte do presidente e Consello de Dirección. A acusación -só novidade por pública- de que miraba máis polo seu que outra cousa non pode quedar oculta por un apelo á historia “antifascista” da editorial e outras hipérboles semellantes, para facerse a vítima e o defensor das “esencias” orixinais. Non vou entrar a xulgar a súa actuación ao non saber se os erros que vivín da editorial -como a reedición de “Polos vieiros da saudade” sen o prólogo da miña autoría, ou o intento intimidatorio á unha xenerosa institución enolóxica oficial por unha cuestión de etiquetas- foron responsabilidade del, inda que teño a miña idea. Porque o problema non é tanto a actitude e comportamento do exdirector como as inercias que permitiron chegar a esta situación de crise.

E que despois de moito traballo meritorio, cando se trataba de soñar Galicia, non conseguiron estar á altura cando esta se esperguizaba. Se cadra aos xestores sobráballes vontade e ansias de control e faltáballe “ollo editor”. O caso é que cunha desconfianza clara nos novos axentes -críanse máis Galicia que a nova Administración autonómica- non albiscaron os novos horizontes editoriais que se abrían e deixaron pasar o inmenso mercado dos libros de texto. Así, o maior cambio na historia cultural do país, a introdución do galego no ensino, non contou coa presenza activa e rendible da nosa editorial histórica.

E Galaxia xogou logo co monopolio do relato, á vinculación íntima e case exclusivista coas institucións maiores da cultura civil, fosen tradicionais, como a RAG, ou de novo cuño, como o Consello da Cultura. E tamén, imprescindible, ao achego a unhas institucións políticas que actúan coa súa propia lóxica de intereses.

E como os tempos cambiaron, coa venda de libros á baixa, a única vía para o mantemento da editorial foi intensificar eses dous campos: ensino e institucións. Para o ensino, máis alá do monopolio -moi excesivo- da edición dos clásicos “obrigatorios”, a promoción da literatura xuvenil ad hoc cos temas de moda do momento: ecoloxía, acoso, igualdade, inmigración, etc. E para o diñeiro institucional -sexan Deputacións, Xunta, Concellos-, potenciar a idea da súa exclusividade na transmisión da memoria galeguista e forzar o máximo control sobre iniciativas próximas que crean poidan colidir cos seus intereses inmediatos. Arestora non veñen ao caso exemplos. O que está claro, é que o negocio hoxe, aquí, non é a venda de libro galego senón a produción subvencionada. E todo isto leva a tecer unhas redes complicadas e pouco estéticas. Que haxa dúas traducións de “Arredor de si” a inglés, e ningunha ao castelán non parece ligado ao interese que poida espertar hoxe no mundo anglosaxón a obra oteriana.

En fin, o tema redúcese, se cadra, á polisemia de servir. Existe un servir/axudar (os vellos serviron á editorial pensando en Galicia), e outro, pronominal, servirse/aproveitarse (hoxe algúns sérvense da editorial). Se cadra é así de simple. 

Que Galaxia solucione a súa crise e endereite a marcha con novos aires nas velas, é o que moitos accionistas -e non accionistas- desexamos.

Te puede interesar