Opinión

Verán berán no verán?

Imos ver. Primeiro verán, futuro de indicativo do verbo ver, terceira persoa do plural -eles verán- ou segunda de plural en forma de respecto, que é o caso -vostedes verán-. Segundo, Berán, topónimo, se cadra xermánico relacionado co nome masculino Bera tal vez en relación con oso, correspondente a Entidade Local Menor -única da provincia de Ourense e unha das nove de Galicia, todas as demais en Pontevedra- adscrita ao concello de Leiro pero con personalidade xurídica de seu. E o terceiro verán, pois é iso de “estación máis calorosa do ano”. 

Claro que postas estas tres formas seguidas parece un galimatías. E algo diso debe haber. Porque vostedes saben, que Berán é un deses lugares ao que se refire un cando fala de augas. Digamos que Prexegueiro, Riocaldo, Baños de Bande, de Molgas, Partovia, etc., etc. E Berán. Pero ten truco a cousa. E mala sorte. O día 18 de agosto de 1963 contaba La Región que a orixe de Entidade Local Menor de Berán, en 1922, fora a inauguración do balneario ao que asistía xente de Ourense e de Vigo. Pescudando un pouco, vese que nos anos vinte e trinta tiña moita sona. O presidente da Real Academia Galega, Eladio Rodríguez González, ía tomar as augas, iso que non é de estrañar porque era natural de San Clodio. No ano 1934 vendíase un xabón feito por auga de Berán, e en 1942 o industrial Julio Salgado López comercializaba desde a súa Fábrica de Perfumes Berán de Vigo lotes de de produtos de auga de Berán: “Damas de España”, “El Caballero Casanova” e “Ya está”, productos para el hogar. No xornal que lles dicía, do 1963, debaixo dunha foto das novas instalacións (hoxe diramos das vellas), puña o seguinte pé: “El nuevo balneario, de modernas líneas, recientemente construido en los baños de Berán, propiedad del pueblo”.     E sinala noutro lugar: “propiedad de la parroquia”. E así, esta xestión da propiedade comunal, foise mantendo inercialmente ao longo do tempo, coa decrepitude propia dos tempos. (Hoxe ten seica 182 veciños Berán e no artigo citado falaba de 490 en 1963). E si, seguramente o motivo da existencia da Entidade Local Menor foi non ter que repartir os beneficios producidos polo balneario e empregalos só en ben da parroquia. 

Pero o caso é que para progresar en 2003 o alcalde de Leiro e o presidente da ELM de Berán presentáronlle a Fraga un proxecto para un novo balneario que revitalizase o termalismo no Ribeiro. Problemas coa propiedade do acceso, pero logo de investir 3 millóns de euros, en maio de 2007 está acabado o edificio. Nunca aberto, deteriórase. 400.000 euros dunha vez, 220.000 doutra para paliar danos. Leva dezasete anos acabado e pechado. Entrementres, o vello balneario de 1963 seguiu usándose en mans dos veciños ata hai pouco, coa consideración de “lugar lúdico-termal”. Pero seica como se vai abrir o novo -o sen uso de 2007- en breve, así que o Instituto Geológico Minero aprobe o proxecto que lle dea a consideración de balneario, cumpría ter pechado todo para adxudicar a súa xestión de vez.

Vamos ver. Se cadra en algo me engano neste relato, é fácil, pero o que non ten dúbida é que o edificio “novo” foi rematado cando foi, que segue pechado e que o vello arestora tamén o está. Ás veces as cousas da burocracia ensaríllanse. E no Ourense coa Praza de Abastos da Ponte remozada e pechada desde hai nove anos sabemos do tema. Agardemos que as cousas se solucionen coa vontade confluente de todos e que si, no verán de 2024, vostedes vexan Berán en funcionamento. Entrementres, vaian ver a igrexa de San Breixo que é unha preciosidade e dar unha volta por Leiro, outra marabilla. E non lles conto canto poidan tomar as augas no corazón do Ribeiro, entre cepas douradas.

Te puede interesar