Opinión

Vitrubio, mon amour

Vamos ver. Os romanos parvos non debía ser. Fixeron da súa capital o centro do mundo coñecido. Inventaron moitas cousas e fixeron de amplificador a moitas creacións dos gregos. Como os americanos e os europeos. Pois se os romanos estenderon a cultura clásica de raíz grega polo mundo coñecido -a ecumene, por contraposición á anecumene, o ignoto alén-, os americanos estenderon a cultura occidental de raíz europea por toda a orbe e incluso salvaron á vella dama europea dun dos seus demos particulares, a barbarie teutónica. Graciñas. Os romanos cultos querían viaxar a Grecia e os americanos cultos viaxan a Europa.

Ben. Pois agora creo que cómpre volver os ollos aos romanos. Que inda que Obélix dixera que estaban loucos, de parvos nunca se lle escoitou dicir nada. E mesmo foi, con Astérix e Idéfix, dar unha volta por Roma, seducidos pola súa sona. O caso é que os romanos eran mestres en acuedutos. Chegaron no século III a ter trece que subministraban auga ao máis do millón de habitantes que vivían en Roma. E a cousa viña de vello, pois o primeiro empezara a levar auga no 312 a.C. á fonte do mercado de gando. E xa no século I a.C. Vitrubio, na súa obra De Architectura teorizaba sobre a súa correcta construción, o que motivou que co Imperio se expandira o tratamento profesional integrado dos recursos de auga e os acuedutos. E velaí está o de Segovia que nos observa cos seus moitos ollos vendo pasar os séculos. 

E a nós, agora, énchesenos a boca falando de “gaseodutos”, “oleodutos”, “viadutos”, para esas cousas de conducir por canos, tubos, condutos propiamente, de gas, óleo -petróleo- ou vías do tren ou para coches. Non lle inventamos palabra relacionada para a comunicación da electricidade só o de “liñas de alta tensión” que, a verdade, desacouga un pouco. A palabra “electroduto” está collida xa para unha alternativa aos cables nas instalacións industriais e construído a base de elementos illados de aluminio ou cobre, pero non vén moito ao caso que me meta nisto. Falen co seu instalador. 

O caso é que parece disparatada a xestión da auga. Vexan o Ebro desbordado, cun caudal de 1.700 metros cúbicos por segundo. Si. Cada segundo pasan por debaixo das pontes de Zaragoza 1.700.000 litros de auga. Como saben, os ríos acaban no mar. E a estupidez máxima é deixar que a cousa sexa así para logo “desalinizar” a auga do mar a centos de quilómetros, investindo unha cantidade de enerxía eléctrica pavorosa (3 kw/h por metro cúbico co seu CO2 correspondente) volverlle ao mar toda a salmoira de golpe, e transportar esa auga doce con barcos contaminantes ao pé da desembocadura do Ebro, porque Barcelona está a 185 km dela. Nin o que asou a manteiga. Obviamente, ninguén quere deixar aos ríos sen caudal, pero ben que agradecerían, por exemplo, un pouco menos de auga dos ríos no mar, as mariscadoras dunhas rías nas que o berberecho e ameixa afogan en auga doce polas chuvias excesivas. 

A cerna do problema está no ano 2004, en que se paralizaron todos os proxectos de transvases e novas presas e apostouse cegamente polas desalinizadoras. A trapallada política fixo que algo tan lóxico como poñer en común recursos hídricos se convertese no fomento de localismos feos que deron lugar ao disparate. Debía ser que lles soaba a “franquismo” o do transvase Tajo-Segura. Así, pois, fóra os transvases. En fin, non sei se hoxe con tanta cháchara se daría construído un só embalse en España. Volvamos aos acuedutos. Creo que se se pode enviar gas, electricidade ou petróleo por tuberías, malo será que non se poida enviar auga. Preguntémoslle a Vitrubio. 

Te puede interesar