Opinión

Xubilados ou vexetais?

Xubilado vén de xúbilo e este do verbo latino “iubilare”, que acabou significando “berrar de alegría”. De aí tamén as expresións “motivo de xúbilo” e “gañar o xubileo”, porque cando chegaban os peregrinos, despois de días e días de camiño, estaban alegres e urraban de alegría e esa alegría tiña unha recompensa relixiosa. Ou sexa poderiamos dicir que un xubilado podería ser o que está alegre porque despois do camiño da vida laboral chegou ao punto de poder gozar do seu retiro, e deixar, de paso, que a súa praza laboral a ocupe outro.

E a que vén esta evidencia? Pois a que, como saberán moitos de vostedes, unha piollosa interpretación de Facenda fai que os homes de letras que se xubilan non poden seguir facendo nada remunerado de forma radical. Explícome. Como sabe todo o mundo, é moi difícil vivir das letras puras. Se repasamos a nómina de intelectuais, vemos que Otero ou Risco era profesores; Valente, funcionario internacional da ONU en Xenebra; Álvaro Cunqueiro, director de xornais; Carlos Casares, profesor nun instituto; Manuel María, procurador dos tribunais, e inda hai pouco, Suso de Toro volveu ás aulas do instituto porque a pesar da súa presenza mediática, diso non daba comido. E que diremos dos músicos que dan clases nos conservatorios ou nos institutos, ou dos pintores que imparten as súas aulas nas escolas de arte ou de restauración? En fin, o normal, o habitual, é combinar actividades.

Pois ben, segundo a interpretación estrita de Facenda, cando un escritor, por exemplo, chega á idade de xubilación, non é que non poida cobrar por colaboracións públicas, é que non ten dereito sequera a ingresar os dereitos de autor sobre a súa obra. Dereitos que adoitan ser unha piollada. Hai moita xente que mesmo paga para ver en letras de molde as súas ideas. Sen ir máis alá, o único editor serio que houbo en Galicia antes da Guerra, Anxel Casal, cobraba aos autores (digamos Otero Predrayo, Risco ou Castelao, por exemplo) a impresión dos libros por adiantado. Non nos enganemos, a cultura –a non ser os parasitarios das institucións, e cada día menos- non dá un can. E se xente que xogue ao fútbol hai centos de miles en España, que vivan do tema, poucos miles, e millonarios, unha ou dúas ducias, no mundo da cultura, escritores que poidan vivir só das súas palabras, charlas e dereitos de autor, cóntanse, en Galicia, se cadra, cos dedos dunha orella, e en España, cos das mans.

Así pois, o ridículo da interpretación da lei é tan grande que unha persoa non pode cobrar sequera os dereitos de autor que si poderán cobrar os seus herdeiros cando el morra. Non creo na mala fe de case ninguén. Creo simplemente que o lexislador se equivoca e as interpretacións estritas son case sempre disparates. Non creo que ninguén queira maiores vexetais. Debemos pensar que eses complementos para a xubilación dos intelectuais son precisos e que os dereitos de autor son tan lexítimos como rendas dun alugueiro ou dunhas accións. Neste país de tantos e variados cazos e corruptelas, parece un exceso contraproducente para dar exemplo de eficacia na Facenda, volver contra a palabra e peto dos intelectuais vellos. Hai que arranxalo.
 

Te puede interesar