Opinión

Xulio Gil, as caras e as mans da arte

En todos os procesos de formación de identidades xoga un papel clave a arte, a cultura. Música, pintura, escultura, literatura, arquitectura... resitúan ou recrean unha forma de ver o transcorrer do tempo que se vai asumindo, pouco a pouco, como colectiva e que se asenta sobre mitos construídos por historiadores románticos. E así, estes artistas da trencha, do barro, da pedra, do bronce, do pincel, da espátula, do buril, da pluma, do compás, do piano ou da gaita, forman un corpus de xuncos estéticos cos que se tece o cesto da contemporaneidade no que todos nos imos recoñecendo, independentemente do que queiramos para o noso nós colectivo. Rosalía, Lamas Carvajal, Parada Justel, a coral De Ruada, existiron antes de que aparecese a reivindicación política, polo que á parte de seren parte nutricia do seu substrato, forman, tamén, parte unívoca da historia común.

E así, nesa asunción plural de identidade colectiva, son básicas as antoloxías, os estudos, as exposicións, que nos permitan botar unha ollada de conxunto sobre os protagonistas, artistas e obras, e así recoñecermos as nosas referencias comúns.

E así, aínda poden ver unha magnífica exposición destas nos locais de Afundación da Praza Maior. O extraordinario fotógrafo e matemático ourensán, morador vigués coma tantos, Xulio Gil, presenta unha obra engaiolante de grandes e poderosísimas fotos en branco e negro, construtora desa identidade común, baixo un título tan claro como as súas imaxes: “Retratos dun tempo da plástica galega”. E son primeiros planos de estudio feitos a partir de 1988. A forza do branco e negro en todo o seu esplendor. Ollos cravados hoxe no espectador, onte na cámara de Xulio Gil, comparten afectos, querenzas, distancia por veces, matices da alma de cada un deles. Mans rugosas, vivas e vividas –fíxense nas de Acisclo- nas que recoñecemos a ferramenta básica da creación na pátina de súa pel. Labios, serios ou sorrintes, que insinúan complicidades ou desacougos. Ás veces ten o autor algunha obra na man. Outras, rodeado delas, nos seus estudos. Nalgunha ocasión, fitando fixamente algunha, como na de Ramón Conde. Outras veces mira un espello, dúas perspectivas, como Laxeiro. A maioría, sobre fondos neutros que contribúen a concentrar e reforzar a expresividade dos rostros e, ás veces, as mans. Son 98 fotos maxistrais dos artistas plásticos do noso tempo. Xaime Quessada e Isaac Díaz Pardo recíbennos de fronte no espazo central. Ao seu redor, organízanse todos os demais. Homes e mulleres. Vellos e novos. Clásicos como Colmeiro, Laxeiro ou Isaac Díaz Pardo. Os ourensáns, case todos. Os Quesada (Xaime, Antonio, Fernando, Marieta, Ana Legido...), Buciños, Acisclo, Xosé Cid, Iñaki Basalo, Arturo Baltar... Ramón Conde, Manolo Figueiras, Oro Claro, Vidal Souto, Alexandro, Baldomero Moreiras, Manolo Vidal, Maite Vázquez, Sula Repani, Miguel Carballo, Antón Pulido... Entre os 98 retratados, felizmente a maioría vivos e activos -aos artistas só os xubila a parca- e están practicamente todos os e as que teñen un nome no mundo da arte galega de hoxe. Realmente só achei de menos, a bote pronto, a Pepe Conde Corbal. 

Comisariada por Xabier Limia Gardón, ten, entre outros acertos, deixar todo o protagonismo ás imaxes sen que o distraian datos, datas, ou exceso de información. Moi atinado tamén o punto de contraste das cartelas, nas que xunto co nome do artista fotografado, aparece unha reprodución a cores dalgunha das súas obras máis representativas. Aceroplús, punteiro obradoiro gráfico dixital de Ourense, excelente na concreción material. Unha exposición de dez. Parabéns a todos. Pecha o domingo. Bulan. 

Te puede interesar