Opinión

A política non é unha relixión

Profesar a militancia política logo de tela deterxido, durante un tempo ilimitado, durante un tempo que depende sempre da condición do militante e non dunha disposición interna emitida pola cúpula partidaria, malia que esta acabe por agradecela, encerra sempre un perigo manifesto cando é entendida coma a devoción que se lle debe a unha confesión relixiosa. Nada peor ca unha pandemia de relixiosidade partidista.

A devoción relixiosa depende sempre dunha convicción. A militancia partidaria o mesmo. A diferenza consiste en que aquela, depende dunha fe e alimenta unha esperanza, mentres que esta, a precisa dun constante exercicio de reflexión por moita esperanza que esperte. Condición esta, a da reflexión, que non se da naqueles militantes, nin naqueles votantes, que acepten as verdades do seu grupo político sen maior análise e, non dependendo deste, depende dun credo sometido en exceso ás disposicións dos dirixentes.

Dicía Santiago Carrillo, o hoxe tan esquecido líder comunista, que de se equivocar millor será facelo dentro do partido que fóra del. Dese xeito queda controlado o criterio dos réprobos que nunca se producirá cos resultados que en ocasións xorden da discrepancia expresada dende fóra das lindes que permiten o control. O anatema sempre é segregado, desautorizado e perseguido en troques de exercer sobre el un control que si é posible, en cambio, con aquel que permaneza sometido ás directrices partidarias. Lástima non llo poder preguntar a Jorge Semprún e de paso ó seu irmán Carlos; anatemas que foron os dous, por ter exercido o pensamento libre; ese pensamento ó que se refería o cantautor portugués Manuel Freire cando dicía que “non hai machado que corte a raíz do pensamento, porque é libre coma o vento, porque é libre”.

Unha das expresións máis malignas derivadas da militancia partidista, así entendida e practicada, estase espallando tanto que, comeza a ser perniciosa. Mentres que a crenza relixiosa pode ser entendida así, a dogmática ideolóxica é unha peste que acaba por deterioralo todo comezando pola convivencia.

Un líder político, emulado polos seus seguidores máis devotos, privados da necesaria capacidade de análise, que avise con seriedade de que un seu contrincante político ha ser colgado boca abaixo coma xa o foron outros no pasado, é algo que debera preocuparnos a todos, incluídos a maioría dos seus propios seguidores. Que ese líder non se teña retractado do xeito máis expresivo posible pouco vai axudar a manter a convivencia nos niveis que a non sei se ben chamada Transición nos aprendeu a esperar. Unha militancia política non debe ser exercida dende a relixiosidade dos militantes. Son necesarios os matices, sen dúbida, porque unha cousa é chamarlle fillo de puta a un adversario e outra moi distinta é facelo advertindo que se trata dun fillo de puta por méritos propios. Claro que tamén sempre se pode recorrer á froita, pero sempre tendo en conta que, de non estar madura, pode producir unha colite moi relacionada co cólera morbo e, aí chegados, poderemos empezar a cismar se non estaremos todos cargándoa de novo. Dito sexa con perdón e sen faltarlle a ninguén. Xa o fixemos outras veces. Feliz e millor ano o que aveciña.

Te puede interesar