Opinión

Biografía do gran sablista CGR

Nestes días nos que nin fu nin fa, ando a ler a biografía de César González Ruano. Foi un articulista que desfrutou en vida dunha gran sona, malia que o seu traballo estea hoxe tan descoñecido, tanto, que non me custe moito esforzo confesar que non coñezo a súa obra xornalística o abondo como pra poder falar dela, nin ben, nin mal. Non me atrevería. Tampouco me atrevo moito a falar da súa vida e, a dicir verdade, non sei se acabarei de ler o libro de Javier Varela -titulado “La vida deprisa”, editado que foi pola Fundación Manuel Lara-, non por nada senón porque pra saber da vida dun consumado pillabán xa non dispoño eu do tempo que se estima non só necesario senón tamén preciso.

Non entenda o improbable lector que o libro non paga a pena. Págaa, sen dúbida. E seguro que ha ter os lectores que merece, moitos, pero estes tempos son xa outros, outros e tan distintos que dubido que a xente moza saiba de Larra, mesmo de Camba ou tamén de Umbral e a xente vella, eu mesmo, estea centrada nas vidas doutros personaxes con algo máis de enxundia. Unamuno, por exemplo.

CGR, como resume o escritor o nome do seu biografiado, non sentindo moito apego, millor dito, non sentindo ningún apego pola obra do reitor salmantino, despáchao a el e máis ó seu traballo, nun santiamén. Podes estar ou non de acordo coa obra dun escritor, pero mala cousa é cando ese desacordo atinxe á obra e máis ó seu autor. Como esa falla de respecto e máis que palpable cando levo xa lidas unhas cento e pico páxinas, prefiro deixalas de lado e pospoñer a súa lectura ata Deus saberá cando.

O que me sucede en realidade é que sei do punto literario final co que Mario Vargas Llosa acaba de poñerlle o ramo á súa obra novelística, ó mesmo tempo que recordo a enorme cantidade de críticas que leva recibido a súa persoa encanadas case sempre que foron estas á minusvaloración daquela. Tan é así como lles digo que prefiro deixar de lado ó gran sablista que foi CGR e aproveitar o espazo que me resta pra recordar a evidencia da monumental obra do peruano e, de paso que expreso a miña admiración por ela, que lle imos facer; o silencio que debemos manter atinxe á súa condición política se é que non estamos dispostos a recoñecer o enorme valor que botou por diante cando ninguén ousaba falar claro, por exemplo, da situación cubana. Aínda aqueles que estimen innecesario o seu comportamento de entón, deberán recoñecerlle o valor e a honradez intelectual que demostrou naquel momento. 

Só recordo un comportamento semellante no autor de “Persona non grata” o do chileno Jorge Edwards. Embaixador que foi en Cuba do seu país gobernado daquela por Salvador Allende. Recordando estes exemplos entendera o lector que prefira non seguir lendo os pormenores de personaxe tan pintoresco como debeu ser CGR, César González Ruano, o do tenue bigotiño e os dedos áxiles e dispostos a facer unha gracia a conta de calquera que non lle ofrecese a resposta que case que sempre tería merecido, ou así mo parece a min, agora, cando comezamos outro ano e xente así empeza a aboiar de novo na tona da nosa tribo literaria.

Te puede interesar