Opinión

A cuestión non é monarquía ou república

O escrito eiquí, neste mesmo espazo hai hoxe unha semana, levou a máis dun amigo -non sei se tamén a algunha outra xente- a cismar en se eu son ou non monárquico ou se son ou non republicano. Non lles é por molestar, pero as cousas nunca vin eu que fosen tan sinxelas… ou é que a min non mo parecen, vai ti saber se debido a unha miña conxénita incapacidade ou a unha ambigüidade propia do país no que nacín e no que non pretendo morrer estando cheo de razón.

Os poderes públicos sempre poden resultar (e resultan case sempre) algo molestos; por iso, a democracia é o menos malo dos sistemas de goberno, cando menos eu así o entendo e comigo non pouca da xente que me rodea. Outra hai que prefiren as “sociedades perfectas” –a Igrexa ou o Exército, por exemplo- nas que quen manda, manda. Recórdoo e descúlpenme por elo porque sempre pode xurdir o recurso de apoiar, unhas e outras opcións, facéndoo ó amparo da afirmación de que ”intelectualmente” un é demócrata, si… pero unha ditadoriña de cando en vez pode poñer as cousas no seu sitio. Sempre pode darse o pensamento retorcido. O mesmo sucede, ou así mo parece a min, coa dicotomía monarquía ou república de xeito que non pouca xente se declare intelectualmente republicana pero actual e eventualmente opte pola monarquía á vista de tal e como están as cousas.

Pra min a cuestión non está en se Montesquieu está aínda vivo ou non, tal e como creo recordar que Alfonso Guerra sinalou nalgunha oportunidade, senón na convicción de que é necesario que os tres poderes se controlen os uns ós outros de xeito que ningún deles se nos desmadre tal e como parece indicar a nosa realidade actual, é dicir, que este servidor de vostedes prefire unha Xefatura do Estado que poida controlar arbitrando ós tres poderes, antes que outra que, chegado o caso, conte con demasiados poderes e os exerza. Sexa rei, sexa raíña ou sexa un cidadán calquera na súa condición de símbolos representativos de toda a cidadanía teñen que dispor de instrumentos de arbitraxe chegadas as situacións difíciles que lle permitan afrontalas debidamente. Pero non máis… e non é pouco. O que estou intentando dicir é que, pola miña intelectual condición de demócrata, opto por unha xefatura de Estado como a nosa actual antes que por unha xefatura republicana por moito que intelectual e conceptualmente me satisfixera máis. A xefatura do Estado debe ter instrumentos abondo para intervir en situacións que así o reclamen ó tempo que os poderes executivos, lexislativos e xudiciais, non deben estar en mans de quen hoxe están sexan estes dun lado ou doutro do espectro político. A cuestión -e ben sei que non debera confesalo tan abertamente, por non ser recomendable- non é tanto monarquía ou república senón que quen ocupe a xefatura do Estado dispoña de medios abondo e de paso estea sometido tamén ó control dos restantes poderes do Estado. Claro que, ó meu entender, isto reclamaría a introdución de emendas na nosa Constitución malia que a moitos non lles pareza recomendable en calquera momento e circunstancia; acaso porque a eles lle vaia moi ben así. Ó conxunto da maioría, non hai máis que ver como lle vai. Ninguén diría que moi ben, nin moito menos.

Te puede interesar