Opinión

Deus, internet e o que diría Nietzsche

Coido que os adolescentes de hoxe non falan moito de Deus; digo coido, sabendo que ese coido implica unha suposición probablemente falsa e por tanto indesexable. Pero un élles así e o é xa sen remedio; a maiores, dalgo teremos que falar.

Os do meu tempo si o faciamos, si falabamos de Deus. E como! Ó millor era porque non tiñamos outra cousa millor na que pensar, ou na que enredar, quen o sabe. O caso é que os rapaces de hoxe, teléfonos móbiles á parte e logo de oito horas de clase, e, según acabo de ler, doutras oito máis vendo a tele, non lles vai ter máis remedio que aceptar o silencio de Deus. Deus, disque, está calado; cousa que non pasaba antes. Ouh, o silenzo de Deus!... de estar hoxe vivo, non sei que diría Nietzsche. 

Unha das cousas que máis temor nos causaba a algúns era como se, tal como se nos afirmaba, Deus era omnipotente, omnisciente e outros tantos condicionantes do seu existir (e do noso, claro) sabendo que íamos ir ó ceo, pero tamén ir ó inferno, nos deixaba vir ó mundo e habitalo. Cando manifestabamos as nosas dúbidas á xente maior, fosen sacerdotes ou familiares, respondíannos que si, que sabía todo o que faciamos, todo o que fariamos, onde iriamos dar, en fin que sabía todo pero, dada a súa perfección, mantíñase á marxe ou a algo así porque nos concedía o pleno albedrío.

Con todo e con iso, co albedrío e co que fose, a nosa liberdade, a liberdade do ser humano, se nos antollaba complicada e non saiamos dese labirinto intelectual no que tan imprudentemente adoitabamos internarnos. Recordo que a min, a min persoalmente, o feito de que Deus o soubese todo de min, onde estaba, que pensaba, que ía comer ó chegar a casa, con que xente me relacionaba… etc, etc., etc., todo iso e máis… arrepiábame.

Xa teño escrito eiquí, se ben o recordo, a impresión que me causou o feito de que hai anos, estando nun restaurante d’O Freixo, na casa d’O Pepe do Coxo, en plena ría de Noia, entrou no meu móbil unha mensaxe indicándome onde estaba e se quería que llo indicase ós meus amigos. Menos mal que non contou as ostras que o levaran (ó informante anónimo dese dato) ó envío de mensaxe tan terrible. 

Agora sei que no mesmo momento no que se vas conducindo unha voz anónima che avisa da velocidade que levas, por onde has ir ó lugar que vas, nese mesmo momento, está a facer o mesmo con miles de millóns de condutores que se están a mover polo universo mundo. Peor aínda. Esa mesma voz ou quen estea tras dela, saben canto gañas, que diñeiro tes na conta, canto na casa, as doenzas que padeces, os amores que mantés e cales non, o que pensas, e, dada a súa intelixencia, esa voz mesmo pode escribir en décimas de segundo unha novela exactamente igual ca que ti escribirías durante meses de xeito que ninguén discutiría ó seu autor real, xa me dirán se esa voz omnisciente, omnipotente, no é a voz de deus. Nietzsche equivocouse, Deus está vivo e actuante, chámase Internet e sabe todo sobre cada un de nós e, curiosamente, tal realidade dáme esperanzas: se unha intelixencia artificial pode facer todo iso (e vaia se pode) abre unha esperanza. A de que outra é superior a ela sexa a responsable, por fin, do noso paso pola Terra. Xa me dirán se llo imos agradecer, ou non, e en cal medida.

Te puede interesar