Opinión

Equidistancia na loita… pola paz

A miúdo, moito máis a miúdo do que puideramos pensar, un pode resultar ser non dono dos seus silencios e escravo das súas palabras, senón exactamente o contrario: escravo deses silencios. O problema consiste en dilucidar se un quere ser o que a palabraría actual cualifica coma un equidistante, un nin si nin non, senón todo o contrario, decidirse expresar unha opinión que é moito máis que probable que o conduza a ser cualificado (que lle imos facer) coa puñeteira equidistancia. Poñamos un exemplo: o que é consecuencia do que está a suceder en Israel e Palestina. O equidistante é o que non quere manifestarse de xeito que acabe formando parte do problema incrementando o enfrontamento entre uns e outros.

A non poucos non nos gusta o feito por Hamas que, por dicilo suavemente, non compartimos en absoluto: pero tampouco o que fai o Goberno israelí presidido por Netanyahu. En Gaza hai moita xente, pero moita, moita, á que lle sucede o mesmo: que seguro que prefire non ser parte do problema e prefire formar parte da solución.

Prescindindo do feito de que a resposta que me dan uns e outros á pregunta de onde preferirían vivir, se en Gaza ou se en Israel, isto é, se nun estado islámico ou se noutro democrático, a resposta é sempre a de que nun estado democrático. En tempos Felipe González asegurou que preferiría morrer no metro de Nova York, que ten os seus perigos, antes que no metro de Moscú, que igual non tiña tantos. O problema xurdía cando, ben daquel ou ben deste lado, un tiña que vivir de acordo co medio correspondente. Se a xente do Islam quere vivir conforme ás súas propias leis e crenzas que o faga e que nos deixe ós demais facelo de acordo coas nosas propias. O que realmente esta en xogo é unha cultura, unha condición do mundo, un xeito de habitalo, de entendelo e de habitalo. Eu non teño dubida de que, pra min e máis prós meus o noso esforzo ha estar na defensa dos nosos valores e na condena de todo acto terrorista exérzase dende onde este se exerza.

Dicía Albert Camus que a única loita é a loita pola paz. Nesa loita debemos estar todos, uns e outros, propiciando cadaquén en orde ás súas posibilidades. A solución a propiciar, na medida individual que sexa útil e posible- e a de loitar pola paz. Loitar pola creación dun Estado palestino, condenando os crueles feitos provocados por uns e outros e deixemos que cada un viva do xeito e da maneira que a súa conciencia lle sinale.

A nosa cultura, a dos máis de nós, é xudeu-cristiá decantada polo filtro grecorromano. Ateñámonos a esta realidade que nos permite convivir entre crentes e relixiosos, entre agnósticos e laicos, e defendamos os valores que nos son propios propiciando a creación dese Estado Palestino do que estamos, todos, tan necesitados. Non se pode pensar que todos os palestinos estean a favor dos postulados de Hamás, Al Qaeda ou mesmo a Yihad, nin que todos os israelitas aplaudan o extremismo do seu goberno. Facéndoo así formaremos parte da solución e non parte do problema. Olof Palme, se ben recordo, foi quen sinalou que, diante de dúas solucións propostas, sempre hai unha terceira que non satisfaga enteiramente a ningunha das dúas partes. Pois iso. Aí estamos. Equidistando pero na única loita desexable, a da paz.

Te puede interesar