Opinión

As leas de dona Manuela

Vai o vello morrendo e segue o vello aprendendo. Nada que ver co que Séneca lle dicía a Lucilio na súas Ad Lucilium Epistulae Morales (II, 13,17) ó considerar que non hai nada máis vergonzoso ca un vello empezando a vivir. Referíase tan estoico individuo a eses vellos que se afanan na consecución de honores ou unha preparación e posta en marcha de grandes viaxes ó tempo que de grandes negocios. A todo iso chámalle Séneca gañas de empezar vivir e opina que, de facelo un vello, resulta vergonzoso.


Hai uns días, non moitos, botaba eu man do ilustre filósofo pra documentar, sequera fose en parte, a actitude dos que lle reprochan a Vargas Llosa, novelista inmenso, carca furibundo en cuestións de economía e sociedade, elegante individuo sempre à la page, que sempre se puxo ó mundo por monteira e polo que se ve sígueo facendo, Breogán llo teña en conta. 
Xulguen vostedes mesmos. Primeiro de nada casou coa súa tía Xulia, logo casou coa súa prima Patricia, tamén sobriña da anterior, máis tarde divorciouse da Revolución Cubana, daquela, cando lle había que botar moito, tanto peito a decisión tamaña que só foron quen de o levar a cabo, que eu recorde, el e máis Jorge Edwards, tamén Cabrera Infante e poucos máis que agora non lles son do caso.


Agora Don Mario anda en amores coa señora Presley que antes o foi de Don Julio Iglesias, da familia ourensán dos Puga. ¡Ei carballeira! Os Puga dos almacéns do mesmo nome, ó tempo que tamén donos daquela Radio Orense que gobernaba Pedro Arcas do que nunca falamos tan a fondo coma o personaxe nos reclama. Primeiro señora de Iglesias, logo do marqués ese do viño non sei se de Griñón –xa saben que en galego un griñón é o que en castelán se chama garañón- ou se de Cáceres, pois tal era o viño que fai ou que facía cando eu bebía viño e igual o segue a facer agora que xa non bebo nada pois bebedor nunca lles fun e agora sonlles un hipertenso acalorado. Sigamos. Do Griñon pasou ó Boyer, que tiña pinta de enigmático e de frío, e agora, xa ven, ándalle ás voltas ó novelista que, en condición de tal, conste, servidor admira tanto.


A min non se me antolla vergonzoso que un home de oitenta anos se namore de muller tan fermosa como é esta dona, Isabel chamada, esvelta coma un xunco que seica é quen de facer virguerías cun carrete aínda que coido que o instrumento non ha ser o propio de pescar troitas; en resume, que a min paréceme moi ben que esta parella se namore e que quen lle birlou o home á tía vexa como llo leva estoutra. Xa a San Pedro lle dixeron que quen a ferro mata a ferro morre. E ata eiquí cegamos porque do que eu quería falarlles era desoutra muller, non tan esvelta, que acaba de habitar o despacho central da alcaldía madrileña rodeada dunhas forzas de ocupación que non a todos satisfán.
Non sei, a estas alturas da semana na que escribo, en que terá acabado a lea establecida por conta desa páxina web malamente titulada “versión original” que tanto leva alporizado á xente da dereita e, o que se me antolla ben pior, á xente coa que comparto o oficio este de escribir nos xornais tódalas chorradas que a min –non falo dos demais- se me veñan ás mentes; esta de hoxe probablemente unha máis entre todas elas.


O xornalismo quedou tocado de ala desque se inventaron os gabinetes de prensa e non poucas das noticias que chegan a nós se xestan neles ó amparo ministerial ou da consellería, da empresa enerxética ou do gran banco que nos ten a todos collidos polo pescozo da imaxinación co que o admitido coma “cuarto poder” –Breogán nolo conserve durante moitos e fecundos anos- ve algo reducido de máis o seu exercicio á ecuanimidade.
Non é de estrañar que se desenvolva unha campaña de descrédito a quen poida contrarrestar as correntes derivadas da situación que se acaba de citar. Pero a liberdade de prensa tamén pode consistir neso e non hai por que lle ter medo á verdade. Se vemos con bos ollos -e se non o vemos pero o aturamos coma boamente nos é dado; o que ven séndolles o mesmo- que os gobernos gobernen as televisións públicas ó seu antollo ou que subvenciones as privadas ou asistan á prensa escrita nas súas pecuarias con subvención ou con publicidade, se facemos e admitimos todo iso, a pregunta é por qué non imos admitir que un concello teña unha páxina web na que explique os feitos tal e coma el os ve ou cre ter propiciadas as distintas interpretacións que se fai deles.


Item máis. Por qué tanta prensa, escrita e da outra, lle puxo a proa a tal medida? Por considerala intrusismo profisional? E logo, qué fan ou qué son os que traballan neses gabinetes de prensa… algo distinto dos demais? Será que lle temen á fabula do cazador cazado ou é que auguran que tales xentes, as que redacten esa pretendida versión orixinal dos feitos e que non serán máis que profisionais postos ó servizo doutra verdade máis das moitas que xa pululan pola prensa, van constituir unha sorte de policía de asuntos internos que poida deixalos co cú ó aire?


Por moito que a moitos non lles guste, eiquí hailles liberdade de prensa. É isa liberdade a que fai posible que o Gran Wyoming nos dea a súa versión dos feitos ou que Antonio G. Ferreras contradiga tantas fabulacións oficiais como entenda que as deba desmentir. O que si é grave é que se intente silencialos e, o que é pior, ás veces se consiga. Velaí o caso de Cintora. Así que deixemos que os feitos avalen ou condenen esa “versión original” que se nos ofrece e aprendamos a vella lección que nos deu aquel inglés que afirmou no seu parlamento que estaba disposto a que lle romperan a boca por defender que os seus adversarios puidesen cerrarlla coa forza dos seus argumentos.


Anda de boca en boca a posibilidade de que a alcaldía madrileña poidera mandar retirar o rótulo que lle da o nome de Álvaro Cunqueiro a unha rúa madrileña, tamén o de Pla e mesmo o doutros autores que non se me antollan tan excelsos coma estes dous recén citados. Estará rifado o feito de ser un gran escritor co de non pensar coma nós pensamos? Quizáis dona Manuela debera pensalo un pouquiño máis antes de decidir medida en sentido tal e en extremo oprobioso.
 

Te puede interesar